Últimas conversas con Carlos Casares

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

RAMON LOUREIRO

Ramón Loureiro recupera os encontros que mantivo co autor de «Vento ferido» só uns días antes do seu pasamento, para un libro que vai publicar Trifolium

20 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Casares. Unha soa palabra que di moito. Sete letras que evocan tantos relatos, tanta literatura escrita e contada. Historias que aparecían escritas A marxe pero que eran cerne das letras galegas. Historias daquelas longas noites dos encontros de Verines nas que, lembraba Víctor García de la Concha, exdirector da Real Academia Española, despois da cena, alguén sempre dicía as palabras máxicas: «Carlos, ¿que contas?». E Carlos Casares empezaba a contar. Eran historias da casa, do gato Samuel, ou das viaxes, da súa estancia na Rusia que aínda estaba detrás dun muro.

Casares. É a palabra que da título ao libro de Ramón Loureiro que sairá do prelo esta semana. Será publicado por Trifolium na súa colección Musa pedestris, e dentro da serie Mountolive. Desde a editorial explican que neste libro o periodista e escritor natural de Fene «viaxa a través da súa propia memoria para construír un volume estruturado en tres bloques: o primeiro é case unha carta que vai dirixida tamén aos lectores do futuro; o segundo é unha viaxe pola biografía de Casares; e por último, a conversa, nalgúns sentidos xa case lendaria, que Carlos e Ramón mantiveron uns días antes da morte do autor de Vento ferido».

Casares estaba na súa casa e alí tiveron lugar aquelas últimas conversas que agora rescata Loureiro. Cando no 2012 cumpríronse dez anos do pasamento do escritor ourensán, o periodista rescatou para este xornal unha entrevista que era froito daquelas conversas: «Esta entrevista ten dez anos. Dez anos e, apenas, uns días. Tivo lugar na casa de Carlos Casares, no lugar do Vilariño, en Nigrán, pouco antes da súa morte. Cando nada parecía facer presaxiar o drama -a perda dun escritor especialmente querido- que fixo chorar a un país enteiro. Eran palabras destinadas a un libro de conversas que non chegou a existir. A desaparición do autor de Os escuros soños de Clío fixo imposible levalo adiante. [...] Pódese dicir, por tanto, que é hoxe cando se fan realmente públicas. Cunha emoción, por parte de quen isto escribe, que permanece intacta». Así arrincaba aquela entrevista, na que Casares falaba dos seus inicios na literatura, de como coñeceu a Risco, de como o seu amigo Torrente Ballester non tiña medo de que lle deran o Nobel, de Cela... Pero as conversas con Casares, gravadas na alma do xornalista, aparecen agora neste libro que chegará ás librerías nos vindeiros días.

Casares falaba «aquel día no que desde a súa casa, mentres se achegaba a noite, vía marchar o sol camiño do Atlántico, miraba cun fondo escepticismo iso que se deu chamar o éxito literario», lembra Loureiro daquel último encontro no que tamén falaron da literatura que «non ten por que gustarlle a todo o mundo. Un pode ser considerado moi culto sen saber nada de Física, e en cambio está mal visto que un premio nobel de física confese que nunca leu El Quijote. A literatura é algo que en principio só lle interesa a unha minoría. E o que ten que facer un profesor é algo que se fai moi poucas veces: que os rapaces gocen lendo».

Casares aparece neste volume de Ramón Loureiro non só coas súas palabras, tamén con imaxes. Son fotografías que fixera entón Ramón Loureiro, algunha todo un retrato, no só físico, do escritor xa que aparece rindo co seu gato Samuel. Son imaxes tomadas tamén naquel último encontro que, contan desde a editorial, «non naceron para ser publicadas, pero que nos amosan a Casares días antes do seu inesperado falecemento, e adquiren hoxe un valor excepcional». Imaxes e palabras dun conversador, dun contador de historias.