Cela e Hemingway


En 1956 Camilo José Cela foi coñecer a Ernest Hemingway a El Escorial. Tiña curiosidade por ver se o escritor norteamericano era como se dicía e como el mesmo cría. Compartiron unha botella de Fino Macharnudo e, ao cabo do encontro, o escritor galego descubriu reforzadas todas as causas da admiración que lle tiña. Porque nesta cita o novelista de Padrón descubriu «un home extraordinario, exemplarmente situado por riba das convencións». Ao tratalo, Cela reafirmouse na moita admiración literaria que lle tiña. Así llo contou nunha entrevista ao tamén escritor Manuel Vázquez Montalbán, que xa se decatara de que había entre eles características similares: «Visión directa da realidade, impulso poético, profundo humanismo e solemne culto á vida».

Sobre os recursos literarios de Hemingway que máis valoraba, Cela tampouco amosou ningunha dúbida. O que máis admiraba no americano era «a sinceridade, aquilo que endexamais é un recurso». E engadía con firmeza: «A min Hemingway gústame, si, sen reservas». ¿E parecíalle acertada a súa visión de España? O Nobel de Padrón tampouco tiña dúbidas ao respecto: «Non se trata de acertar ou non. Para min, quedouse fóra nalgúns matices, pero adiviñou o substantivo de España. Nunca un escritor de lingua non española nos intentou ver con máis amor». Nada menos.

O que máis asombraba a Cela era que Ernest Hemingway -ao igual que Pío Baroja- describía «un mundo de primeira man cuns ollos novos estreados cada mañá». Que era a súa maneira de describir un estilo literario limpo, directo e profundo. Isto non quere dicir que Cela se identificase con el no plano literario. Mais ben esa identificación producíase e sentíaa «no aspecto humano, que, en definitiva é o único que importa».

No plano literario, a novela que prefería de Hemingway era O vello e o mar. E non deixa de ser curioso que cando chegou a noticia da morte do norteamericano, Cela estivese a reler a súa obra. Quizais porque poucos españois daquel tempo podían presumir de coñecer a nosa terra tan ben coma el. E entre os estranxeiros, quizais só John dos Passos podía encarnar unha comparanza acreditada.

Votación
9 votos