Álvaro Siza Vieira: «Son partidario de servir ás elites cando a elite sexamos todos»

montse carneiro A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

Siza Vieira ingresou na Academia Galega de Belas Artes cun discurso sobre o proceso de creación do proxecto para o Instituto Berggruen de Los Ángeles a través dos esbozos que debuxou na súa primeira visita

26 mar 2017 . Actualizado a las 15:34 h.

O arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira (Matosinhos, 1933) ingresou onte como membro de honra da Real Academia Galega de Belas Artes cun discurso no que o premio Pritzker deu «o mellor que nos pode dar», subliñou Gallego Jorreto, un paseo polo proceso de creación do seu proxecto para o Instituto Berggruen de Los Ángeles a través dos esbozos que debuxou na primeira visita ao lugar e que, como en toda a súa obra, lle proporcionaron as primeiras pistas e hipóteses de traballo. O bosquexos de Siza, esenciais e pracenteiros para o arquitecto portuense (e mesmo obxecto de estudos académicos), xa acubillan a atención á natureza e a topografía, a sensualidade, o gusto polo pormenor da súa arquitectura. «Devaneos, non fantasías, moi ligados ao desenvolvemento do proxecto», advertiu.

-Como é iso de que a súa obra non depende da época nin do lugar?

-En certa maneira, ou así o pretendo, o que fago é intemporal. Son ideas moi antigas e o meu desexo é durar, unha idea considerada antiga tamén. Moitos edifcios se fan para vinte anos, sen moito coidado. Eu quero que queden. Mais creo tamén que na arquitectura hai sempre continuidade. Ás veces semella que hai ruptura, pero se debe a períodos históricos diría case raros. Analizas esa ruptura aparente e ves que non é tal e que hai principios básicos que se manteñen. Falando dunha silla, por exemplo, nunha silla exipcia pode un sentarse perfectamente porque o corpo mantén básicamente a mesma conformación.Diante dun edificio magnífico que aparece como unha novidade absoluta, a casa de Le Corbusier, pensas un pouco despois da primeira impresión e resulta que o mercado histórico de Venecia é sobre piares, que a terraza estaba nos xardíns de Babilonia, que Wright... Hai principios que se manteñen. Nun casa sempre hai ventás. A casa sempre foi un abrigo, pero tamén un sitio aberto ás relacións, aos amigos, á comunicación, á convivencia...

-A dimensión social e sensual da arquitectura.

-Si, hai unha sensualidade que ten que ver co corpo humano. Porque todo o que se constrúe é para as persoas. Mesmo na forma dos edificios moitas veces hai referencias á figura humana. A relación co corpo está presente en todas as arquitecturas. Palladio ten edificios onde mirando un ve unha cara cos ollos, a boca...

-É un xogo?

-Non, a arquitectura basicamente é un servizo. Eu podo ter momentos nos que a concepción arquitectónica está invadida polo pracer, pero non hai que esquecer iso, é un servizo. Hai pouco lin un libriño fantástico de Jack London que se titula A casa bela. Fala da casa que quere para si e fai unha serie de comentarios interesantísimos nos que verifica que o mandato de facer casas para que a xente viva nelas non se cumpre e hai moitas que están pensadas para intencións variadas, pero non para esa primeira de vivir. Ou cando chega á consideración, sólida e moi lúcida, de que construción e decoración son a mesma cousa. Esa febre de encargarlle a casa a un decorador!

-Cre que a arquitectura vai camiño de reservarse ás elites?

-Eu son partidario de servir ás elites cando a elite sexamos todos nós e a calidade se introduza en todo o que se fai, para todos.

-Nos anos 70 traballou en proxectos de vivenda social participada con inmigrantes. Hoxe sería imposible.

-O SAAL [programa portugués de vivenda nacido ao abeiro da revolución dos caraveis que implicaba aos veciños nos proxectos] foi moi ben recibido en Europa porque entón había unha preocupación forte sobre a responsabilidade da arquitectura respecto da sociedade, non da elite. Infelizmente hoxe non se fai, hai outros intereses, e unha grande parte da arquitectura está nas favelas. Non é estraño asociar isto á actitude respecto dos inmigrantes. Na Haya, co 50 % de poboación inmigrante, o desafío era conseguir facer casas do agrado dos inmigrantes, de moitas procedencias, islámicos, indios, latinoamericanos, africanos..., e dos holandeses. Foi fantástico, eles participaron no proceso, e funcionou moi ben. Hai pouco visitei o barrio. Iamos no tren e unha señora que escoitou a portugueses falar veu e preguntou que faciamos. Dixémoslle que iamos a Schilderswijk e entón ela parou e dixo: «Non vaiades». «Por que?», dixemos. «É perigosísimo, está cheo de inmigrantes perigosos...». Fomos alá e perigo ningún, falei con todos, entrei nas casas que eu proxectara... Os inmigrantes latinos vivían nun sector, os islámicos noutros, pero os holandeses marcharan.Só atopamos a un señor que lamentaba a estupidez dos outros que marcharan, porque non había problema. Isto dá idea de como é de abstracta e imaxinada esta imposibilidade de comunicación. É unha invención perversa. É uha barbaridade isto ao que asistimos. Eu traballei en Holanda e en Berlín con apoio político á inmigración. Hoxe hai moita xente con fantasmas na cabeza e hai xente a meter fantasmas na cabeza dos demais. Con intereses que podemos pensar cuales son. É un momento terrible.

Agradecido a Galicia por «liberalo» das vivendas sociais

En Galicia liberouse Álvaro Siza da súa condición de «especialista en participación social» que limitou o seu traballo e a súa aprendizaxe durante décadas, mesmo desde antes de que a revolución dos caraveis o encerrara na vivenda social ata que a finais dos anos 80 o entón alcalde de Santiago e arquitecto Xerardo Estévez lle encargou o proxecto do Centro Galego de Arte Contemporánea. Un museo. «Nunha cidade hai máis que vivendas pero a min non me querían para outra cousa», lembrou onte Siza, que renega da idea do especialista na convición de que ao arquitecto «compételle promover o diálogo e a coordinación entre os saberes indispensables no desenvolvemento de calquera proxecto». Defensor entusiasta da dúbida -«onde non hai dúbida non hai vida»-, debuxante sublime, rigoroso debullador no achegamento e busca do sentido do proxecto, sobrio, heroico fumador -«dois paquetes ao día, pero non trago o fume, a esta idade é moi perigoso deixar de fumar...»-, Siza Vieira foi recibido onte por un auditorio en pé abarrotado ata os topes de estudantes emocionados, académicos e una boa representación de arquitectos, entre eles, Xosé Manuel Casabella, que contestou ao discurso do mestre portugués con eloxios «á vixencia das súas solucións, o coidado dos detalles que, aínda que pareza paradóxico, están feitos para non ser vistos, ou a xenialidade dos seus volumes sinxelos». Un arquitecto anotou que «todo o que faga Siza estará ben feito». A igrexa de Marco de Canaveses, as piscinas das Marés, as vivendas da Quinta da Malagueira, o banco de Vila do Conde, o Bonjour Tristesse de Berlín... Para o xurado do Pritzker, «alegría para os sentidos que alimenta o espírito».