Freixanes: «Debemos implicar á sociedade civil no futuro da lingua e a cultura galegas»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Marcos Míguez

Anuncia unha xestión continuísta, defende o traballo con outras entidades e levar á xente nova o «orgullo do galego»

29 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Agradecemento. Foron as primeiras palabras de Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) despois de ser elixido na tarde de onte presidente da RAG. Anunciou que os compoñentes da nova comisión executiva van entregarse «a esta institución, que é a de Manuel Murguía, a de Curros Enríquez e a de todos os que viñeron detrás, poñendo o noso corazón e o noso talento». Tamén falou de ilusión e de tender pontes a outras institucións para traballar xuntos, ademais de lembrar que o programa do candidato «sempre se presentou no plenario da Academia e non antes».

-¿Aposta polo continuísmo?

-Si, eu recoñezo que estes catro anos foron dun intenso traballo do que podemos estar todos orgullosos. No plenario tiven unha referencia especial para o profesor Alonso Montero, que fixo un traballo, con toda a executiva que o acompañou, cheo de enerxía, de talento e de xenerosidade.

-¿Por que fixo a súa intervención no plenario por escrito?

-Porque quero que a reciban non só os académicos presentes senón tamén os que non participaron, os correspondentes e os de honra, porque eles tamén son Academia. Esa é a idea, a de que a Academia somos todos e que temos que mirar para o futuro e crealo desde o esforzo de favorecer o maior clima de consenso. Iso faise facendo camiño.

-¿Que pensa dos académicos, digamos, críticos?

-Neste tipo de situacións hai que comprender e respectar as posicións distintas. Forman parte da democracia, a vida democrática consiste en iso: en comprender que hai quen non pensa coma ti ou non comparte as túas ideas. Pero ao lado diso o que teño que recoñecer e agradecer é o apoio moi importante da corporación, que me enche de responsabilidade porque os próximos catro anos van ser difíciles, non porque haxa unha situación na Academia extraordinariamente complicada internamente. A Academia ten un equipo de traballadores e traballadoras magnífico que están todos os días a pé de obra, un equipo consolidado.

-¿Como pensa que percibe a sociedade a Academia?

-Temos que ser capaces de implicar á sociedade civil, de implicar ás institucións, o mundo da economía, das industrias, de implicar á sociedade galega no seu conxunto, desde a escola, as familias e os medios de comunicación pasando polos creadores sociais e artísticos de todo tipo, na conquista do futuro para a lingua e a cultura galegas. A lingua é de todos os galegos e de todas as galegas, non é duns poucos. A lingua non se enfronta a ningunha outra lingua: é un patrimonio, un activo, mesmo un activo económico, se o sabemos explotar, do que un país pode presumir e do que pode sentirse orgulloso.

-¿Falta ese orgullo?

-Debemos recollelo dos que nos precederon e multiplicalo e implicar neste orgullo, nesta autoestima, ás novas xeracións, os rapaces e rapazas que hoxe chegan á universidade coñecendo o galego, sabendo falar galego e lendo en galego. Temos que implicalos na causa do idioma. É un labor que unha institución como esta pode facer. A sociedade quere de nós ideas, quere de nós algo positivo, ilusión, e quere de nós optimismo. E temos a obriga de traballar por iso, porque ninguén se apunta ás defuncións.

O plenario elixiu ao candidato por 18 votos a favor e só un en contra

Arredor dunha hora durou onte a reunión do plenario da RAG no que foi elixido presidente Víctor Fernández Freixanes. O secretario da institución, Henrique Monteagudo, explicou que dos 28 académicos de número con dereito a voto «tres escusaron a súa asistencia e houbo seis ausencias máis». Na primeira votación, a candidatura de Freixanes obtivo 18 votos a favor e un en contra, cando a maioría que precisaba era de 15. Neste mandato, o décimo quinto presidente da Academia contará cunha comisión executiva que cualificou como de continuísta e na que Henrique Monteagudo segue sendo o secretario. Tamén repite como vicesecretario Andrés Torres Queiruga, que xa estivo con Xesús Alonso Montero. 

Máis mulleres

Tal e como salientou o novo presidente na exposición do seu programa diante do plenario, na comisión executiva mantense a proporción feminina, xa que a tesoureira será Marilar Aleixandre e a arquiveira-bibliotecaria Fina Casalderrey. Na anterior directiva estaban Rosario Álvarez e Margarita Ledo. Freixanes dixo no plenario: «Non me parece cuestión menor a presenza dunha porcentaxe feminina nesta comisión. Velaquí outro esforzo que deberiamos asumir nos próximos tempos. Esforzo de vontade e esforzo de imaxinación: a incorporación dunha maior porcentaxe de mulleres no plenario e mesmo na nómina de académicos correspondentes e de académicos de honra, sempre que se presente a ocasión e sempre considerando a calidade das elixidas». 

«Fixéchelo moi ben»

«Fixéchelo moi ben», dicía Alonso Montero a Freixanes despois de que este explicara, no salón de actos, o que ocorreu no plenario, aínda que todos os asistentes ao mesmo estiveron tamén presentes na comparecencia e participaron na foto de familia.

Aos parabéns recibidos polo novo presidente sumáronse os da Xunta, que nun comunicado expresou a súa «vontade de renovar coa RAG unha relación institucional fluída e efectiva nas tarefas de defensa e promoción da lingua e a cultura propias de Galicia, tal e como foi posible durante toda a presidencia de Xesús Alonso Montero». E remata o comunicado dicindo que «con toda certeza este funcionamento útil e efectivo seguirá incrementándose no transcurso do novo período que coa presidencia de Freixanes inicia hoxe unha das institucións galegas máis senlleiras e prestixiosas do noso país».

«Temos que traballar xuntos e non cada un na súa leiriña»

A primeira das liñas de traballo da nova comisión executiva da RAG é a preparación do Día das Letras Galegas, «que está aí e, en parte, explica as datas da convocatoria deste plenario», dicía Freixanes. Tamén salientaba que a figura de Carlos Casares está recibindo moitas adhesións «e iso fai o Día das Letras máis rico, máis complicado e esixe un esforzo grande por parte da institución». As estratexias de comunicación da RAG deben «visibilizar cada vez máis a estima social da lingua e o traballo desta institución». Sería o outro obxectivo.

-¿E a famosa gramática?

-O tema da gramática é unha débeda histórica que ten a Academia. E nós comprometémonos neste período a poñela nas mans dos galegos e das galegas.

-Parecía que na RAG cada un estaba na súa leiriña, ¿Con este respaldo conseguiu vostede facer a concentración parcelaria?

-Fixen a máxima posible e síntome moi orgulloso e moi agradecido aos compañeiros que me están acompañando aquí. O ideal tería sido que todos estivésemos aquí, que os que non viñeron estivesen para opinar, para dicir: si, non ou abstención.

-¿Que outras ideas manexan?

-Non imaxina a cantidade de ideas que temos. Outra cousa é que as podamos realizar. Na sociedade moderna non hai unha única institución, hai outras que están traballando pola lingua, pola cultura galega, públicas e privadas, como os escritores, os tradutores, os editores, as produtoras... Temos que buscar formas de colaboración. Estou pensando no Consello da Cultura, no Ramón Piñeiro, nas universidades... Temos que sentarnos a traballar xuntos e non cada un na súa leiriña. Vou poñer un símil futbolístico: ben colocados no campo, sabendo cada quen o que ten que facer, e con entusiasmo, coas pilas cargadas, gañámoslle ao equipo máis difícil. E xogando ao ataque, non á defensiva. Hai que perder complexos, saír a campo aberto, discutir as cousas onde haxa que discutilas e aceptar que os demais teñen as súas razóns. Por tanto, temos que convencer, non vencer.