The Beatles revisited

CULTURA

07 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo musical que en decembro de 1960 comezou a chamarse The Beatles segue a manter, máis de medio século despois, a condición de número 1 histórico -coma o mellor de todos os tempos- que un día lle atribuíron as prestixiosas revistas Billboard e Rolling Stone. Un milagre da música, máis tamén da comunicación, que abriu un camiño que non para de alongarse e anchearse baixo distintos nomes e títulos.

O milagre dos Beatles comezou ao pouco de naceren como grupo, coma se os esperase a ampla canle dunha demanda xuvenil de ámbito mundial. (O reverendo Ronald Gibbons chegou a dicir que «o culto beatle é a chispa que ha dar nova vida á Igrexa»). E na súa xira por Australia (1964) unha ducia de tolleitos esperaban, nas súas cadeiras de rodas, a que eles lles toparan para curar. Os Beatles tomárono a broma, mais logo non conseguiron esquecelo e dous anos despois deixaron de facer xiras, para desenvolver case toda a súa actividade nunha sala de xogos electrónicos que era o seu estudo de gravación. Alí naceu Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band, tras setecentas horas de traballo. Tiñan claro que se converteran en algo máis que un grupo musical e querían explorar os límites dun novo mundo de crenzas, místicas e habilidades musicais.

Pouco despois McCartney afirmou: «Eu só teño un proxecto: converterme nun home adulto». Proxecto que quizais nunca tivo John Lennon, que se esgallou do grupo para seguir a súa liña de novas fantasías e idealizacións, e que finou asasinado en Nova York en 1980. Detrás dos Beatles queda unha listaxe de cancións xeniais, irrepetibles, entre as que cada un de nós ten feita xa a súa selección. Porque a realidade é que foron os forxadores da maxia musical de máis dunha xeración e os pais de moitas liñas de creación que arrincaron deles e abriron novos camiños. Lennon era consciente, por exemplo, de que non se pode «ter unha revolución que non involucre e libere ás mulleres», pero non foi capaz de ir máis aló dunha revolución interior. Mais non hai dúbida de que os Beatles compuxeron a banda sonora sentimental das vidas e os soños dos que viñemos detrás. Directa ou indirectamente.