Valle-Inclán no século XIX e no XXI

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

O Centro Dramático Galego estreará o próximo xoves «As galas do defunto» e «A filla do capitán», do creador do esperpento e que se representan por primeira vez en galego

13 abr 2017 . Actualizado a las 11:40 h.

Ser tan radical e valente como foi Valle-Inclán cando escribiu As galas do defunto e A filla do capitán a principios de século XX. Ese é o obxectivo que se marca Marta Pazos, a encargada de dirixir estas dúas pezas -das tres que conforman Martes de carnaval- que supoñen a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), que se estrearán o próximo xoves, día 20, no Salón Teatro de Santiago. Máis alá de ser a primeira vez que se representen en galego, a intención é que «a posta en escena teña o mesmo impacto de cando Valle-Inclán as publicou», anota Pazos. 

Esta montaxe «arriscada» chegará tras case oito semanas de ensaios. Foron sete horas diarias. O elenco, ademais de aprender o papel e as coreografías, enfrontouse a hora e media de preparación física diaria para poder manter un ritmo trepidante durante as máis de dúas horas de representación. «Ese xesto gústame, non cho vira antes, faino», interpelaba Pazos onte a un actor tras unha escena de A filla do capitán. Agora, é o momento de acabar de perfilar o espectáculo. Ademais, nestes últimos días antes da estrea, toca xa representar a montaxe completa incorporando vestiario e escenografía. 

Serán dúas pezas que, pese a compartir autor, elenco artístico e dirección -despois da renuncia presentada por Tito Asorey a dirixir As galas do defunto por discrepancias de carácter artístico co CDG-, tamén terán elementos diferenciais. «As galas do defunto refírese a 1898 e a intención é situala naquela época; pero, despois, A filla do capitán, ambientada no pronunciamento de Primo de Rivera, traémola ao 2017», explica Marta Pazos. Mentres no primeiro dos esperpentos a música -que é orixinal- está baseada nos ritmos máis ancestrais do entroido e nas músicas que traía a xente da emigración; o segundo terá unha banda sonora integrada por marchas militares e ritmos electrónicos. A diverxencia tamén estará no vestiario. Esta estética distinta ten como fundamento que na segunda das pezas -que foi secuestrada cando Valle-Inclán a publicou en 1927- atácase directamente aos poderes político e militar. «Atópanse moitísimos paralelismos coa situación que estamos vivindo agora, porque fala da corrupcións das altas esferas e de como se coce un golpe militar», engade a responsable da montaxe. 

Pero que ninguén pense que, por esta actualización, non vai recoñecer o texto de Valle-Inclán, máis alá da tradución ao galego. Mantense todo, salvo que os intérpretes abandonan o tratamento de vostede e nunha escena se muda o xénero dun dos personaxes. «Non se trataba de facer unha versión, senón contar cos textos», matiza a directora. 

Medio cento de personaxes

Os dez actores desta nova montaxe do CDG representarán 50 personaxes. Mercedes Castro, por exemplo, meterase na pel de oito. «Non paramos en máis de dúas horas; ou estamos en escena ou cambiándonos», afirma a actriz. «Agora entendemos a preparación física que iniciamos dende o primeiro día», admite entre risas. Xunto a ela estarán sobre as táboas Iria Azevedo, César Cambeiro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta. En total, deben enfrontar ata oitenta cambios de vestiario.

¿Como se explican tantos personaxes? «Isto non é literatura dramática en tres dimensións», afirma Pazos, para aclarar que foi ao encontro con Valle-Inclán para facer unha análise das súas obras con moito respecto pero tamén con irreverencia. Así, ademais dos personaxes que o propio autor escribiu, «tamén están os que forman parte do noso imaxinario ao montalo».

A unha semana da estrea, a directora recoñece que xa notan esta proximidade. «Hai moita expectación entre nós, porque tamén hai moita expectación fóra», afirma Marta Pazos. ¿Influíu a polémica pola fórmula para escoller o reparto e a renuncia de Asorey? «Son artista e entendo de arte e construír. Creo que se ten que resolver esta situación. Eu fago un traballo, espero que o mellor posible», responde.

Tras a estrea en Santiago, a produción do CDG representarase en Tui, O Barco de Valdeorras, Ourense, A Coruña, Rianxo, Valencia, Pontevedra e Vigo.