O compromiso de Freixanes

CULTURA

22 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñezo ben a Victor F. Freixanes, compañeiro de letras e de soños e bo amigo desde hai xa moitos anos. E xustamente por este coñecemento que teño, da persoa e do intelectual, sei que chegou á presidencia da Real Academia Galega no mellor momento. Abonda con ollar o seu currículo para decatarse de que reúne toda unha preparación plural e intensa, esencial, como home da cultura que foi e que é, en particular como escritor, xornalista, editor (á fronte de Xerais, Alianza Editorial e Galaxia), profesor universitario, etcétera. É moi difícil atopar un espazo da nosa cultura no que Freixanes non fose deixando a súa pegada, froito dunha fonda inquedanza polo devir da nosa terra.

O seu é un compromiso radical nun sentido camusiano. É, polo tanto, un compromiso coas raíces, coa propia identidade que se reflicte nas historias que o pobo conta desde a súa propia fidelidade natural ás orixes. Porque, como ben dixo Sartre, «o compromiso é un acto, non unha palabra». E nese mundo dos compromisos identitarios se move Freixanes. Seino ben. Son as palabras que lle fun oíndo ao longo dos anos.

Debo reiterar que os soños de Freixanes sempre tiveron a Galicia como o seu horizonte vital e cultural. Lembro cando soñabamos arredor de Nós e el sempre poñía por diante unha idea clara de abnegación e de entrega, cunha disciplina intelectual que nunca se desviaba da meta. Porque Galicia xustificaba calquera sacrificio, mesmo o de restarlle tempo á súa enorme vocación literaria, acreditada en obras como Unha ducia de galegos (1976), O triángulo inscrito na circunferencia (Premio Blanco Amor, 1981) ou A cidade dos Césares (Premio Torrente Ballester, 1992), entre outras obras moi notables que aínda deberán ser reconsideradas por méritos propios. Porque os teñen.

Dedicarlle estas liñas é un xeito de relembrar un tempo pasado, pero tamén de mirar cara ao futuro, no que Freixanes xa lle sucedeu ao grande e benquerido Xesús Alonso Montero, comezando así un mandato de esperanza, ben secundado por unha executiva integrada por Henrique Monteagudo, Andrés Torres Queiruga, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, intelectuais de mérito para un tempo chamado futuro inmediato.