«O groso da selección no CDG ten que ser sempre por 'casting'»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

A Xunta mantén contactos co Concello de Xinzo para a creación do museo de Carlos Casares

22 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana o Centro Dramático Galego (CDG) estreou a súa produción desta temporada, Martes de Carnaval, precedida pola polémica do sistema escollido para a selección do elenco. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo (Vigo, 1964), cre posible chegar a un acordo satisfactorio para a Xunta e a profesión. 

-¿É posible ir a outro sistema?

-Si, sempre e cando se cumpran os requisitos que se establecen na contratación pública, que non son iguais que no caso da compañía privada. Aquí hai certas restricións, tal e como está a lei de contratos das administracións públicas, e entendo que pode haber algún tipo de punto intermedio, sobre todo para o elenco protagonista, pero o groso da elección ten que ser sempre por casting. Por parte da asociación de actores e actrices pediron un cambio, estámolo analizando e pedímoslle por carta o 20 de marzo unha proposta de cal sería o seu modelo. Estamos abertos a dialogar, a falar e a chegar a un punto de encontro sempre que se respecten as normas de contratación do ámbito público. 

-Outra das críticas é que o CDG cada vez produce menos.

-Non se trata dunha cuestión de cantidade. Estámonos centrando nunha produción pero de dez actores e actrices. Dende o ano pasado decidimos que había que tentar facer algo que neste momento non se está a facer na maioría das compañías privadas, que seguen tendo elencos máis ou menos reducidos. Parécenos que é unha fórmula que pode funcionar: unha produción dun mínimo de dez actores, que se todo vai ben o ano que vén pode ser de máis elenco, e despois utilizar a fórmula das coproducións, que está funcionando ben. O CDG non só ten que ser impulsor de producións, se non que ten que ser fornecedor de vías de coproducións que poñan en realce determinado tipo de proxectos que nos parecen interesantes.

-O Día das Letras Galegas está a piques de chegar. ¿Terá museo Carlos Casares?

-Hai contactos co concello de Xinzo, que é moi receptivo a poder atender este pedimento. Ao final trátase dunha decisión da Fundación Carlos Casares e da familia, de seguir avanzando nas conversas con Xinzo, que quere poñer a disposición algún equipamento municipal para poder albergar ese fondo Casares. Non creo que falten sitios para poder albergar eses fondos sempre que sexa o que quere facer a familia.

-Estes días tamén abriu o debate o cambio de direccións nas bibliotecas.

-Nas bibliotecas de xestión autonómica as direccións son de libre designación. Consideramos que xa pasaran uns cantos anos, sobre todo nalgunha dirección, que levaba nove anos, e decidimos cambialas, sobre todo porque no corpo de traballadores das bibliotecas, como é un corpo especial, apenas hai posibilidades de promoción, e co sistema que había antes, un traballador nun posto de dirección era vitalicio. Incluso para o propio dinamismo dun posto está ben que haxa rotación nas direccións. Polémica ningunha, nin ningún tipo de decisión rara.

-E van sentar as bases da política cultural dos próximos anos na Estratexia da Cultura de Galicia.

-O obxectivo é ter unha folla de ruta con horizonte 2021. Hai que ver as prioridades para unha situación de comezo de década cun Xacobeo e onde a situación económica xeral vai ser mellor, esperemos. Hai unha serie de cuestións que afectan a todos os sectores e un deles é o da gobernanza. En certos casos cadaquén fai a política cultural polo seu lado e fáltanos unha mesa onde sentemos para traballar en común. Tamén está a situación de infrafinanciamento da cultura. Temos que establecer claramente partes da cultura que teñen que ser gratuítas e temos que ver como promovemos que entidades entren no patrocinio cultural. Logo hai que falar da dixitalización, que avanza ás veces a tropezos pero chega para estar presente en todas as fases do proceso cultural. Hai cuestións que requiren dun plan e iso é o que queremos recoller nun proceso o máis participativo posible.

«A fiscalidade é secundaria no consumo cultural»

Mañá celébrase o Día do Libro, nun momento no que o sector está esganado.

-A situación do sector editorial en España, en Galicia, en Europa, é unha situación dificilísima. O libro ten competidores fortísimos. Ao longo destes anos de crise o consumo cultural baixou moito, tamén a compra de libros, e agora que se recupera o consumo comprobamos que se recupera todo menos a compra de libros, que segue baixando. A todo isto sumamos que está en plena voráxine de dixitalización, e iso supón a dificultade de establecer un novo modelo de negocio e entra en xogo a piratería. De todos os xeitos, sabendo que o nivel de competición con outros formatos e soportes e coas reticencias das familias para aumentar o consumo do libro, estamos nunha situación en que seguen aparecendo novos proxectos editoriais e aparecen máis dos que desaparecen. Tamén é certo que a recuperación do consumo das familias ten que chegar ao libro como chegou a todos os sectores culturais.

-¿Axudará a rebaixa do IVE?

-No caso dos libros mantívose no 4 % e aínda así os prezos seguiron subindo e non aumentou significativamente a compra. A cuestión do IVE no caso do libro, comparado cos outros IVES, dá un pouco idea de que a fiscalidade dos produtos culturais ten unha incidencia bastante secundaria respecto do que son os propios consumos. No caso do libro mantívose o 4 %, baixou o consumo, e en cambio no cine, onde aumentou do 8 ao 21 % aumentou non a facturación, pero si o numero de espectadores, o acceso ao cine español. É unha boa noticia que baixase o IVE e a nosa idea é que haxa poucos impostos, os necesarios, e no caso dos indirectos teñen que ser os máis baixos posibles sendo solidarios co resto de sectores.