A viaxe ferroviaria de Carlos Casares arredor da creación literaria e as ideas

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O libro «O expreso da literatura» reúne 16 ensaios «narrados» do escritor galego

24 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É sabido que entre as afeccións de Carlos Casares polos trebellos pequenos os trens eléctricos ocupaban un lugar preferente. Un dos seus proxectos fanados era o de meter un escenario ferroviario en miniatura nun maletín para poder levalo consigo de viaxe: unha metáfora dentro doutra. A redución a escala permitía revivir, concentrado, o gozo que proporcionaba o mundo real, cun aquel de fantasía. Quizais por iso o convite que recibiu o escritor para percorrer Europa nun tren pareceulle algo de fábula irreal ata que case chegou o momento de subirse ao vagón.

Esa viaxe de seis semanas no ano 2000, canda un grupo numeroso de autores europeos, quedou retratada por Casares nun texto inédito titulado De Lisboa a Berlín, pasando por Moscova. Crónica sentimental, que agora encabeza o volume O expreso da literatura e outros ensaios (Galaxia), que recolle dezaseis «ensaios narrativos», como os cualifica o editor do libro, Henrique Monteagudo. Casares xa empregara esta fórmula noutra obra arredor do feito literario, Un país de palabras, no que defendía a narración como o seu xeito de expresar ideas e conceptos fronte a un ensaísmo máis puro.

Os trazos do autor

Esta peza recuperada na versión galega orixinal -hai indicios de que chegou a publicarse en ruso- contén moitos trazos que se asocian á escrita de Casares: as dotes de observación, a empatía, a capacidade para deixarse sorprender, o rexeite de todo dogmatismo e a opción dialogada como solucións. Isto queda patente nos conflitos entre autores de nacións enfrontadas ou a denuncia da censura exercida por tradutores en Bielorrusia ao obviar toda referencia crítica.

Tamén é especialmente interesante ler as preguntas que a viaxe suscitaron en Casares sobre o futuro dunha Europa unida, interrogantes que cobran unha nova dimensión ao recuperalas no contexto de hoxe. Asemade, son igualmente pertinentes as reflexións do escritor sobre o lugar de Galicia e a súa cultura nesa Europa. El sentía que establecía unha conexión entre ambas precisamente a través das crónicas que puntualmente enviou da viaxe e que se publicaron en La Voz na súa columna Á marxe grazas aos primeiros dispositivos de comunicación global.

Os quince textos restantes de O expreso da literatura non son estritamente inéditos, xa que proceden de volumes colectivos, actas ou discursos e intervencións, pero non por iso deixan de ter un valor notable. Reflexións sobre a lingua galega, o seu pasado e o seu futuro, datado en 1998, é especialmente relevante a case vinte anos vista, tanto polo seu ton desmitificador e nada vitimista, como pola súa argumentación a prol dunha planificación lingüística. Tamén O xogo, o labirinto comparte ese saudable relativisimo sobre as identidades e particularidades culturais, co exemplo da gran semellanza entre o petróglifo de Mogor e outros de Inglaterra, Siria ou Italia.

Técnicas literarias

Os retratos e recordos de escritores como Gonzalo Torrente Ballester, Castelao, Manuel Luís Acuña ou Ánxel Fole son cumpridas achegas a estas personalidades, pero tamén participan desa vertente ensaística narrada ao permitirlle a Casares expoñer algunhas cuestións sobre a literatura e as súas técnicas: por exemplo, como o proceso de edición das súas conversas con Fole serviu para que, paradoxalmente, a voz do autor se asemellase máis á imaxe que se tiña del. Do mesmo xeito, a súa fina observación de como Alfredo Bryce Echenique lle relatou unha anécdota que máis tarde acabaría dando pé a un relato revela puntos de vista literarios do propio Casares.

Malia a súa procedencia dispersa, os textos non acusan falta de unidade, como tampouco de interese, xa que Casares, instruído na tradición do relato oral, aspiraba a «divertir», como lembra Monteagudo na introdución. Ou, por dicilo ao xeito do autor: «Polo menos, espero que a xente non se aburra».

A revista «Grial» publica o inédito «Schuhmacher»

Ademais do inédito que abre O expreso da literatura, a revista Grial, que dedica boa parte do seu último número a Casares, inclúe outro texto non publicado do escritor. Trátase dunha peza titulada Schuhmacher e que se cre foi escrita a raíz da súa estadía en 1993 en Alemaña. Alí ficou impresionado cunha visita á vila Gross Wansee, onde os nazis aprobaron a «solución final», un tema que centra o relato, aínda que se reserva unha estarrecedora sorpresa para o final.

De 1980 son cinco pezas que Casares enviou, a petición de La Voz, dende as súas vacacións estivais en Suecia e nas que explicaba as peculiaridades da vida cultural no país escandinavo, o seu panorama literario ou os usos e costumes das bibliotecas, que reflectían o país acolledor de refuxiados e exiliados que era entón Suecia. Desta mesma época é unha entrevista, conducida por María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo, na que Casares, docente aínda en activo, debulla as súas opinións sobre a lectura en galego no ensino ou a necesidade das traducións.

As páxinas centradas en Casares traen achegas de Ricardo Gurriarán, X. R. Quintana, Antón Baamonde, Dolores Vilavedra, Grial Parga, Carlos Fernández e Marta Dahlgren, que analizan dende aspectos biográficos ata literarios ou xornalísticos. A publicación tamén inclúe un facsímile das letras traducidas por Casares e García-Bodaño do recital de Raimón en Santiago en maio de 1967.