Francisco Castro: «Casares é un dos grandes, non só da literatura galega, tamén da universal»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

BENITO ORDOÑEZ

O director de Galaxia reivindica a calidade da obra do escritor e recoñece o seu traballo pioneiro á fronte da editorial

17 may 2017 . Actualizado a las 13:07 h.

Hai cinco meses que o escritor Francisco Castro (Vigo, 1966) accedeu á dirección de Editorial Galaxia, que durante anos exerceu Carlos Casares, homenaxeado hoxe co Día das Letras.

-¿Que significa para vostede a celebración deste 17 de maio?

-Por unha banda, significa algo moi tópico, que digo con intensidade e con certeza: é un dos días grandes do noso país, xunto co 25 de xullo; polo tanto, un motivo de alegría. Mais tamén, nos últimos anos, está empezando a ser un motivo para criticar que os outros 364 días do ano non o sexan. Tamén creo que o Goberno galego nos faría un enorme favor a todos e a todas cargándose o festivo. Que busquen outro, que iso é sagrado, pero é un día socialmente moi desactivado. Se cae en xoves e martes os únicos beneficiados son as axencias de viaxes. É un día moi positivo pola carga simbólica, literaria e de festa que ten arredor da nosa lingua, pero é tamén un día para reflexionar. Como o día mundial contra a pobreza: ese día estamos moi preocupados pola situación dos nenos que non poden comer, pero o resto do ano, non. A min gustaríanme 365 días das letras galegas. Pero, xa digo, sobre todo a sensación é moi positiva.

-¿Que opina do Casares escritor?

-Creo que este ano estamos na obriga de asumir que Carlos Casares é un dos grandes da literatura universal, e dígoo con esta radicalidade: non só da literatura galega, senón da universal. Para min, a lectura cando tiña vinte anos de Os mortos daquel verán supuxo un impacto crucial na miña maneira de entender o feito literario como autor, a maneira de escribir. Aparte, Casares foi un modelo de escritor total: articulista, narrador para adultos, narrador infantil... A modernidade que ten Vento ferido ou a complexidade de composición de Os mortos daquel verán son fitos difíciles de igualar na literatura galega e universal. Nese sentido, o 2017 ten que servir para darlle dimensión de xigante a Casares. Creo que dos quince ou vinte últimos homenaxeados, con diferenza, dende o punto de vista literario, e non teño problema en dicilo así de radical, é o máis notable.

-¿E como editor, agora que está nun posto que el exerceu?

-Imaxínese, desembarcar na dirección de Galaxia no ano Casares. Está sendo un traballo intensísimo. Acometemos un labor de recuperación e ordenamento de toda a súa obra, facendo edicións canónicas. ¿Que representa para min? Unha responsabilidade inmensa. Dirixir a Editorial Galaxia é unha responsabilidade moi grande, non xa como director dunha empresa editora con 16 empregos, senón que non é esaxerado dicir que Galaxia é unha das trabes fundamentais que sustentan este país. Iso conséguese en boa medida grazas ao traballo de Carlos Casares. A súa presenza aínda é moi forte. Porque Carlos é quen consigue que Galaxia pase dunha estrutura artesanal, con Paco Del Riego e os fundadores, a ser unha editorial profesional. Tamén dende o punto de vista dos contidos: trae a moitísimos clásicos, abre a colección Árbore, entende que hai que dar boa literatura infantil e xuvenil. Como editor, eu sigo nutríndome do traballo de Casares.

«As redes sociais son aliadas nosas no fomento da lectura»

Castro está moi satisfeito destes cinco meses na dirección de Galaxia. «Creo que conseguimos darlle unha volta moi clara a algunhas cousas, no sentido de que Galaxia, ademais dos autores clásicos e dos contemporáneos, fose tamén unha porta aberta a novas creadoras e creadores, como fixemos co premio Illa Nova de poesía para menores de 35 anos. Están aparecendo novas voces moi potentes, hai unha canteira enorme que estaba desexando ser atendida. Cambiamos a nosa maneira de comprender a comunicación, temos un traballo moi intenso nas redes sociais e moi ben deseñado», explica.

-Agustín Fernández Paz dicía que o reto era reter esa gran masa lectora na mocidade cando pasan á idade adulta...

-Máis que preocuparme o sector editorial, o que me preocupa é que haxa lectores. Temos que darlle tiróns de orella moi fortes á Administración, que en xeral non fai nada, ou fai pequenas decoracións, a prol do fomento da lectura. Teñen moito no que espelirse, porque é a súa responsabilidade política. Tamén hai que desfacer prexuízos: un colle o barómetro de hábitos de lectura dos editores e non é certo que a mocidade non lea: si que le, en boa medida por prescrición escolar, pero tamén é certo que as redes sociais están cheas de booktubers, de rapazada que recomenda libros. As redes sociais e a mocidade temos que entendelas coma as nosas aliadas para fomentar a lectura. Temos que apostar descaradamente para que se enganchen á lectura alén do traballo escolar e sigan logo de adultos.

-¿Que experiencia teñen cos libros electrónicos?

-A nosa experiencia non difire moito da de calquera outra lingua. Como nos encanta ser apocalípticos, cando aparece o libro electrónico dicíase que ao papel lle quedaban tres telexornais. Creo que neste momento xa non ten sentido este debate: son dous formatos que van convivir. Queremos que a literatura galega estea nese mundo, igual que publicamos a Harry Potter ou o Ulises de Joyce, sabendo que as vendas van ser pouco menos que testemuñais.

Gelria estrea a canción «Amemos» sobre un poema do autor

O grupo Gelria puxo música a un poema de Carlos Casares, titulado Amemos, converténdoo nunha canción e vídeo que se suma así ao seu primeiro traballo, o libro-disco Cantos de poeta. O conxunto editouno fisicamente como sinxelo, que se pode mercar nos seus concertos, como o que hoxe ofrecerá ás 13.00 horas, con entrada gratuíta, na Cidade da Cultura. Gelria está formado pola vocalista Elena Tarrats, o percusionista Mario G. Cortizo e o pianista Federico Mosquera. En Amemos contaron coa colaboración de Pablo Pérez ao contrabaixo. A música da súa adaptación de Casares foi escrita por Cortizo.

A Universidade de Santiago lembrou a súa etapa como estudante

A Universidade de Santiago, onde Casares foi estudante na súa mocidade, lembrou onte cun acto de homenaxe esta etapa na vida do escritor. A institución lembrouno coa publicación do volume Casares en Compostela. Universidade e literatura, que analiza esa xeira do escritor, recolle unha serie de textos seus nos que rexistrou reflexións sobre a literatura e péchase con dúas prosas ficcionais esquecidas. O acto contou tamén cunha conferencia de Henrique Monteagudo, que percorreu os principais fitos destes anos de Casares, así como da lectura por parte dun grupo de estudantes dos textos Seis retratos do autor.

A Academia celebra o acto central do Día das Letras en Xinzo de Limia

A Real Academia Galega celebra hoxe no salón de plenos municipal de Xinzo a súa tradicional sesión na honra da figura homenaxeada no Día das Letras. A escolla vén dada porque Carlos Casares pasou a súa infancia nesta vila, que exercería unha gran influencia na súa vida e na súa obra. A sesión comezará ás 11.30 horas e contará coas intervencións de Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero. Pechará o acto o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Ademais a sesión poderá seguirse en directo dende o exterior do edificio, xa que na praza Carlos Casares haberá instalada unha carpa e unha pantalla.