Viana repudiará en pleno a expulsión de Carlos Casares da vila e da docencia en 1970

María Cobas Vázquez
MARÍA COBAS O BARCO / LA VOZ

CULTURA

O instituto no que empezou a súa carreira profesional xa lle fixo un desagravio en 2004 ao poñerse o seu nome ao centro

17 may 2017 . Actualizado a las 16:27 h.

No ano 1970, Carlos Casares foi expulsado do instituto de bacharelato de Viana do Bolo e apartado da docencia en Galicia. Tivo que emigrar ao País Vasco para seguir exercendo unha profesión na que empezara ese mesmo curso. O entón alcalde deste concello ourensán, Neftalí Prieto, abriulle un expediente ao escritor [o instituto daquela era de titularidade municipal] acusándoo de influenciar politicamente ao alumnado, aludindo a unha obra de teatro que fixeron no centro e que dirixía Casares. «Sempre o tiveron de ollo», di o actual alcalde, Secundino Fernández, porque o protagonista do Día das Letras pedía que os rapaces de familias con poucos recursos non tiveran que pagar unha taxa por estudar no centro, nin por usar o comedor. E falaba galego. E outras cousas que non gustaban no franquismo.

Así que co gallo de santo Tomás de Aquino e a obra de teatro que fixeron os rapaces, Prieto abriulle un expediente a Casares. «O alcalde foi o máximo impulsor daquilo, que acabou coa expulsión de Casares da docencia en Galicia, e tivo que marchar para Euskadi... Dixeron que era unha obra de teatro subversiva, porque falaba de caciques e de señores feudais, e abríronlle o expediente. Incluso o acusaron de ser o autor da obra, que era doutro profesor do centro, Manuel Ramos Castromil», rememora Fernández. O actual goberno municipal quere mudar a situación e preparou para mañá un acto de desagravio. Nun pleno extraordinario, que comezará á unha da tarde, aprobarase «repudiar publicamente as accións que levaron á expulsión de Carlos Casares de Viana e da docencia», avanza o rexedor.

O encontro de mañá terá lugar a apenas un par de quilómetros daquel instituto de Viana do Bolo, hoxe reconvertido en IES Carlos Casares. No curso 2003-2004, o agora director, Carlos Ferreiro (entón xefe de estudos), involucrou a dúas profesoras de Lingua Galega para impulsar un acto de desagravio, que coincidía co 35.º aniversario da estadía do escritor no centro. Decidiuse darlle o seu nome ao instituto e tras a aprobación polo claustro o 16 de abril do 2004, o 1 de xuño foi oficialmente autorizado, despois de lograr adhesións da Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Casares. A cerimonia formal deixouse para o 23 de novembro. Foi daquela cando a viúva de Casares (Cristina Berg) e o seu irmá Xavier acudiron ata Viana para participar do desagravio. Ela agradeceu o cariño, segundo recordan na web do propio instituto cando explican o por que do nome; mentres que Xavier «recoñeceu estar emocionado ao lembrar aqueles anos en que Carlos chegou a Viana para dar as súas primeiras clases de Lingua e Literatura e coa intención de ensinar con tolerancia, liberdade e amor pola terra».