A obra de Carlos Casares viaxa en tren para achegarse a toda Galicia

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

Alumnos do IES de Arzúa distribuíron exemplares do autor na estación de Ourense

19 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vento ferido, Ilustrísima, O sol do verán e Os mortos daquel verán viaxaron onte en tren. Os relatos de Carlos Casares uníronse a unha das paixóns do escritor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas: o ferrocarril. E fixérono da man dun grupo de rapaces do IES de Arzúa que foron os destinatarios da iniciativa O tren que me leva, que onte viaxou desde Santiago á cidade de As Burgas. Un proxecto de dinamización lingüística que -da man de Renfe Viaxeiros, do ADIF e da Xunta- pretende prolongar a difusión da obra de Casares máis alá do 17 de maio.

Dez minutos antes das once da mañá chegou o tren do que baixaron unha trintena de adolescentes. Recibiunos unha plataforma chea de carteis alusivos á vida e a obra de Casares. E tamén representantes institucionais, entre os que se atopaban o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o xerente de servizo público de Galicia de Renfe, José Enrique Fonte. Tamén viaxaba no tren Brais, o sobriño do inventor da bomba da felicidade, que acompañou aos mozos durante a ida e a volta dende Santiago ata Ourense, propoñendo diversas accións lúdicas.

Tralos saúdos pertinentes, e a benvida aos alumnos, comezou unha das actividades deste proxecto. Os mozos do IES de Arzúa realizaron na mesma estación de tren, cuxas instalacións cedeu o ADIF para este encontro, unha solta de 90 libros da biblioteca Carlos Casares entre os viaxeiros que a esa hora, incrédulos, agardaban na terminal. Os estudantes distribuíronos recomendándolles aos viaxeiros que os lesen e que, ao rematalos, os deixasen quedar no tren ou na estación para que outra persoa puidese coñecer a obra do autor. Eles tamén foron os primeiros en ver nos asentos do tren os repousacabezas coa imaxe institucional do Día das Letras Galegas que estará durante un mes á vista dos usuarios de once trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo e A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense. Esta celebración completa a homenaxe a Casares e engade un elemento que conformou parte importante na vida do narrador da Limia. O escritor mostrou desde sempre unha afección enorme por este medio de transporte e, segundo lembrou onte o secretario xeral de Política Lingüística, tiña unha maqueta enorme dun ferrocarril instalada na súa casa. No ano 2000 viaxou, xunto con máis de oitenta escritores, no Expreso da Literatura Europea, que durante mes e medio percorreu o vello continente desde Lisboa ata San Petersburgo. Participaron nese encontro autores de distintos países e de distintas linguas, entre as que figuraba a galega da man de Carlos Casares. Por iso a actividade de onte tivo unha significación moi especial.

E como en calquera viaxe o destino é sempre moi importante: unha vez en Ourense os estudantes visitaron a cidade para realizar un paseo polos recunchos imprescindibles para coñecer a Casares, da man de Afonso Vázquez-Monxardín. Un total de dezaoito paradas resumiron os pasos vitais do autor ourensán, tanto os que teñen que ver coas facetas profesional e familiar como coa defensa da lingua.