Viana do Bolo restitúe a memoria de Carlos Casares ao repudiar a súa expulsión da vila en 1970

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

CULTURA

María Cobas

Por unanimidade dos tres grupos -BNG, PSOE e PP- saíu adiante a proposta

19 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1970 Carlos Casares foi expulsado da docencia en Galicia por dirixir unha obra teatral subversiva con alumnos do IES de Viana do Bolo, segundo denunciou o entón alcalde. Nin sequera rematara o curso escolar, pero iso non lle importou aos que mandaban, recordou o historiador Carlos Xavier Ares, e Casares puxo rumbo a Bilbao. Falaba Ares no acto de desagravio organizado onte en Viana para restituír a memoria do protagonista das Letras 2017, que dá nome desde o 2004 ao instituto local. O recordo da historia de Casares deu paso a un pleno extraordinario no que o rexedor, Secundino Fernández, cualificou de «acción inxusta» e de «represalia política» o acontecido, para despois instar ao pleno a «repudiar publicamente as accións que lamentablemente conduciron á expulsión de Casares desta vila e a restituír a súa memoria no tocante a estes feitos, que non expresaron nin expresan o sentir das veciñas e veciños de Viana do Bolo». Por unanimidade dos tres grupos -BNG, PSOE e PP- saíu adiante a proposta. Tocoulle entón falar a Xavier Casares, o irmán do escritor, que emocionado agradeceu o xesto para despois ler un texto sobre Viana que escribira o seu irmán anos despois do desterro, no que deixaba claro o seu amor pola vila. O himno galego interpretado polo Orfeón Vianés pechou o acto, ao que acudiron varios daqueles alumnos que tivo Casares no curso 1969-1970. Entre eles estaba Azucena Gago, que lembra con cariño ao docente. «Era unha persoa encantadora, afable, excepcional como mestre», dicía para despois negar calquera manipulación ideolóxica na súa aula. «¿Charlas políticas nas clases? Nada máis lonxe da realidade», aseguraba Gago.