Un milleiro de nenos despiden o espectáculo «Tic, tac, toc»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

xoan a. soler

O artista Pablo Díaz levou a obra por dezanove concellos galegos dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes

21 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Case un milleiro de nenos entoaron as pezas do último espectáculo Tic, tac, toc, co que o artista Pablo Díaz pechou o concerto final dunha xira que o levou por dezanove concellos galegos dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes. Á última actuación, que se celebrou onte no Auditorio de Galicia de Santiago, acudiu tamén o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

E alí os máis cativos pasárono en grande coas cancións infantís que máis coñecen, pero tamén con outros ritmos e sentires de latitudes diversas, como Brasil, Cuba ou os Estados Unidos. Tic, tac, toc é unha proposta musical baseada nun proxecto editado por Galaxia que fixo as delicias de miles de nenos durante o seu percorrido. Con Pablo Díaz estivo a súa banda, con Olga Kirk nos coros e bailes; Diego Barral coas guitarras; Álex Fente co acordeón; Antón Díaz co baixo eléctrico; e Carlos Freire coa batería.

FalaRedes cumpre no 2017 seis anos coa intención de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades; e tamén para promover con todas estas actividades unha valoración más positiva da lingua propia de Galicia entre os máis novos. Desde o mes de marzo e ata finais de ano diversas actuacións percorren todos os concellos que se adheriron á Rede de Dinamización Lingüística, unha iniciativa da Xunta para o uso da lingua galega desde as Administración locais que conta con máis de 180 entidades adscritas.

Esta é a sexta edición do programa e nas cinco anteriores houbo case 800 actividades programadas para públicos de todas as idades, sempre con entrada de balde ata completar os aforos.