Casares, a intrahistoria dun académico

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

XOSÉ CASTRO

A RAG fai públicos os documentos que permiten reconstruír o proceso polo que o autor chegou a unha cadeira na entidade

25 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A naturalidade coa que Carlos Casares formou parte da paisaxe cultural de Galicia, fixada aínda máis dende a perspectiva deste 2017 no que se lle dedica o Día das Letras Galegas, pode convidar a esquecer que foi o resultado dun proceso longo, froito do compromiso institucional. Como tamén cómpre subliñar que o seu ingreso na Real Academia Galega en 1978, con tan só 36 anos, non só significaba a entrada do seu membro de número máis novo, senón tamén a chegada dunha nova xeración á entidade.

A intrahistoria do seu nomeamento como académico arranca tres anos antes, no Nadal de 1975, cando os membros Domingo García-Sabell, Ramón Piñeiro e Marino Dónega fan oficial a súa proposta de cubrir con Casares a vacante que deixa o falecemento de Xesús Ferro Couselo. Os méritos de Casares son, ao seu xuízo, unha obra aínda cativa -Vento ferido, Cambio en tres e Xoguetes para un tempo prohibido- pero que representa «un dos esforzos máis logrados de renovación da prosa literaria galega»; o seu cultivo pioneiro das narracións para lectores cativos, a tradución do Principiño e súa edición, «rigorosa e lúcida», de Curros Enríquez. A exposición remata: «Tamén compre sinalar a interesante sección de crítica literaria en galego que vén desenvolvendo no suplemento dominical de La Voz de Galicia».

A proposta bota a andar a maquinaria académica. O secretario, Vales Villamarín, encarga tres informes que avalen as calidades de Casares. A resposta de Henrique Chao Espiña, Francisco Fernández del Riego e Isidoro Millán González-Pardo é unanimemente positiva. Este último achega a resposta máis detallada. Despois de gabar a súa obra -en especial a «maxistral» Xoguetes- e as súas colaboracións -«en tan bo galego»- en La Voz, explica que os ingresos na Academia non son «un puro reparto de galardóns literarios sen outras contraprestacións», senón que ve a entidade como «un armónico axuntamento de homes capaces e dispostos a levar adiante, con ánimo constructivo e solidario, as angueiras comúns da Academia»: é dicir, o idioma e a cultura galega. É nestes eidos onde ve a idoneidade de Casares.

O plenario da RAG elixiuno o 15 de maio de 1977 e Vales Villamarín comunicoulle a boa nova, que Casares agradeceu por escrito: «Anque son consciente de que a miña elección se debe máis á xenerosidade dos señores académicos que aos meus méritos personales, poño xa desde agora as miñas cativas aptitudes ao servicio desa docta institución, que é tanto como poñelos ao servicio do meu pobo». Ingresou o 27 de maio de 1978 en Ourense, co discurso O desastre de 1898 e os escritores galegos.

O actual presidente, Víctor F. Freixanes, quen sucedeu a Casares na súa cadeira, cre que a súa visión como académico obedece á súa filosofía de «fortalecer» as institucións: «El cría que un país necesitaba institucións fortes e estables, e ese foi o seu traballo».