Siro: «Carlos Casares foi o humorista máis completo que eu coñecín»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

NOELIA REY

O debuxante lembra como coincidiu co escritor en 1972 e soubéronse «almas afíns»

30 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Carlos Casares foi o humorista máis completo que eu coñecín», asegura o debuxante Siro López, que onte ofreceu na Fundación Rodríguez Iglesias unha conferencia sobre as súas lembranzas do narrador ourensán, ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Na súa charla, o caricaturista e ensaísta ferrolán fixo fincapé no «exemplar humano, na persoa», non tanto no escritor, aínda que saíu inevitablemente ao longo da velada.

Siro e Casares coñecéronse na Semana Santa de 1972 na casa de Ramón Piñeiro. «El convidounos, quería que nos encontraramos, ata fomos coas nosas mulleres». A amizade xurdiu de inmediato, «eramos dúas almas perfectamente afíns», anota Siro, que engade que con Kristina Berg houbo tanta sintonía que deseguido foron os dous pasar uns días á casa do humorista gráfico en Ferrol. «Acababan de casar, resultou como unha segunda lúa de mel».

A relación creceu de natural. Casares organizou a primeira exposición e a primeira conferencia de Siro en Ourense. «O vínculo foi permanente e intenso, e tivemos moitas vivencias xuntos». De feito, nun recente encontro sobre Carlos Casares no Liceo de Ourense, «con Xavier Casares e tantos amigos, moitas das anécdotas que contei nin o seu irmán sabía delas».

Pero o que quería deixar sentado onte Siro é que «o humor era o trazo definitorio da personalidade de Carlos, el era o rei das sobremesas e das tertulias; ninguén máis divertido nin con máis graza para contar as cousas que Casares. Ademais, a xente esperaba iso del, en Galicia, en Barcelona, en Madrid e en Estocolmo. E a el non lle custaba traballo ningún». É verdade -concede- que a súa obra narrativa non é a dun humorista, pero si o era na súa actitude ante a existencia, na súa filosofía de vida.

El, di Siro, manexábase xenialmente na comicidade («buscas a risa do ouvinte sen pretender nada»), na sátira («buscas a risa á conta de alguén») e no humorismo («como no Quixote, empezas rindo, pero pronto di algo que nos impide seguir rindo e nos emociona»). «Isto último o facía Casares, con gran maxisterio, na súa columna diaria de La Voz de Galicia -lembra o debuxante-. E iso que el non ía de humorista pola vida».