Suíza e Arxentina súmanse á celebración do Día das Letras con homenaxes a Carlos Casares

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL VILLAR

O Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo de Buenos Aires ten previsto representar o unha adaptación de «Lolo anda en bicicleta»

06 jun 2017 . Actualizado a las 07:46 h.

Ás numerosas celebracións que festexaron o Día das Letras Galegas, tanto nas catro provincias como nas comunidades emigrantes no exterior, veñen de sumarse novas iniciativas. Por exemplo, a pasada fin de semana, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou en Xenebra nunhas xornadas organizadas polas sociedades A Nosa Galiza e a Irmandade Galega en Suíza. Alí Freixanes falou do escritor homenaxeado este ano, Carlos Casares, e abordou o papel da diáspora na cultura galega. «A Galicia exterior tamén existe. É un capital simbólico, cultural e incluso económico que debemos aproveitar, porque na era da globalización as redes, cando están intelixentemente conectadas, son unha riqueza», declarou.

Pola súa banda, o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo de Buenos Aires ten previsto representar o vindeiro día 12 de xullo, como peche do curso escolar, unha adaptación de Lolo anda en bicicleta titulada Lela anda en bicicleta. A capital arxentina xa organizara diversos actos en homenaxe a Casares, igual que outras cidades como La Habana, Montevideo, Nova York, Zúrich, Londres ou Barcelona.