Quedan dez días para participar no 17.º Premio de Novela por Entregas

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ABRALDES

A obra vencedora publicarase en agosto nas páxinas de La Voz de Galicia, que acollerán tamén os relatos literarios dos lectores

14 jun 2017 . Actualizado a las 23:44 h.

Quedan só dez días. A conta atrás final botou a andar na 17.ª edición do Premio de Novela por Entregas que promove La Voz de Galicia. O vindeiro 21 de xuño (incluído) é o día derradeiro para participar no concurso, é dicir, o límite para presentar unha obra por parte dos autores que queiran aspirar ao galardón que máis anima as letras nos veráns galegos dos últimos anos. Será entre as novelas que cheguen antes da citada data de onde sairá a elixida, a que se publicará durante o mes de agosto nas páxinas literarias do periódico, tanto na súa edición impresa como na dixital, e que se completarán, un ano máis, cos relatos enviados polos lectores do xornal. A dotación do certame novelístico conta tamén cunha recompensa de 10.000 euros, ademais da publicación en libro do título gañador.

Co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, o premio está aberto á participación de todas as persoas que presenten unha novela inédita en galego e que non opte a outros certames. A temática é libre, pero este ano, no que o xornal celebra o 135.º aniversario do seu nacemento, valoraranse especialmente as obras de temática histórica.

Os orixinais deben axustarse ás características dunha narración por entregas: a extensión será de 31 capítulos, cada un dos cales deberá ter 3.500 caracteres (con espazos incluídos). Os autores deben remitir catro copias impresas en papel e unha en formato PDF (gravada nun cedé ou lapis dixital) ao seguinte enderezo: «17.º Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono de Sabón. 15143 Arteixo (A Coruña)». As obras deben enviarse polo sistema de plica pechada, detallando no exterior dun sobre un lema e no interior os datos que permitan contactar co autor no caso de resultar finalista ou gañador. 

Unha viaxe a Dublín

As páxinas literarias de La Voz tamén darán cabida en agosto aos textos remitidos polos lectores. Serán divididos en dúas categorías: menores de 16 anos e os que teñan ou superen esta idade. O premio para o vencedor no primeiro apartado é unha tableta dixital. Na segunda categoría, o gañador recibirá un bono para dúas persoas cunha viaxe a Dublín, declarada pola Unesco Cidade da Literatura. Serán os lectores os que decidan os gañadores en ambos apartados, votando polos seus relatos favoritos a través dos cupóns que publique o xornal. Todos os cupóns participantes entran nun sorteo de libros de Biblos. Poden participar todas as persoas que o desexen con relatos tanto en galego como en castelán, que sexan inéditos e que cumpran coas seguintes características: a dimensión non poderá exceder de 25 liñas mecanografadas de corpo 11, o que equivale a uns 2.100 caracteres con espazos. O prazo para presentar orixinais ábrese o 15 de xuño e péchase o 15 de xullo (ambos incluídos). Os textos poderán remitirse por correo electrónico ao enderezo relatos@lavoz.es ou por correo postal a «18.ª Edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono de Sabón. 15143 Arteixo (A Coruña)». Un xurado designado pola organización seleccionará de entre todos os textos recibidos os que serán publicados en agosto.

O texto íntegro das bases de ambos certames pode consultarse na web de La Voz.