«Vigo, na Segunda Guerra Mundial, era unha especie de Casablanca»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

VÍTOR MEJUTO

Fernández Davila construíu unha trama de gran calado histórico ao redor dun rapaz que axuda á fuxida de xudeus

22 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu pegado ao mar, en Vigo, no barrio de Canido, case porta con porta do seu veciño e compañeiro de aula (o escritor) Pedro Feijoo. Seu pai foi mariñeiro de altura (Sudáfrica, Cabo de Hornos, Malvinas...), mecánico e engraxador. Aínda que a vida foino «levando pola Enxeñería», a súa vocación por escribir agromara xa sendo un neno, cando con pouco máis de dez anos leu La canción del pirata, de Espronceda. Con estes vimbios, o enxeñeiro Francisco Javier Fernández Davila (1974) tiña que acabar por escribir, como tiña que facelo sobre o mar, unha historia na que a ría viguesa, os pescadores, as Cíes, os motores de barcos... habían ter un protagonismo evidente. Ese relato é A senda da sal e impúxose o pasado xoves no Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, entre outros motivos, anota o xurado, polo xeito orixinal con que recrea «un episodio da historia de Galicia» e se adapta «de modo moi eficaz á temática histórica proposta polo certame» co gallo da celebración do 135.º aniversario do xornal.

-Vigo e a guerra, un tema con moita potencia literaria.

-Si. Investiguei a espionaxe e a contraespionaxe, o papel de Vigo na Segunda Guerra Mundial, e vin que era asunto fascinante, que había moito por descubrir.

-Si, os submarinos nazis entrando e saíndo da ría...

-Si, si, e o cargueiro alemán Bessel fondeado na ría fronte ás Cíes, co nome en clave de Bernardo, dedicado ao abastecemento dos submarinos da flota nazi. Todo iso era inspirador. Como a idea de que foi un lugar polo que os xudeus fuxían do Holocausto. Tamén me inspirou moito o caso das irmáns Touza, axudando a pasar xudeus a través da fronteira portuguesa.

-Vigo tiña un encanto especial.

-Vigo era unha especie de Casablanca, un enclave supostamente neutral. Era un auténtico fervedoiro. As oficinas do Cable Inglés e do Cable Alemán ocupaban dependencias contiguas. Ata se ten dito que a alianza entre Alemaña e Xapón xestouse e callou coa axuda do Cable Inglés, que tiña máis medios. A compañía abriu en 1873 a comunicación cablegráfica entre Vigo e Inglaterra.

-Son historias que nunca foron suficientemente contadas.

-Si. Está tamén a extracción de volframio para subministro da industria armamentística de Hitler. É unha época fascinante. Aínda está por facer un estudio definitivo do rol que xogou Galicia como enclave durante a Segunda Guerra Mundial, nesa suposta neutralidade, e cos xiros nos apoios.

-¿Como xurdiu esta narración?

-Fixen a primeira parte do relato como exercicio para un obradoiro que dirixe en Vigo a escritora Clara do Roxo. Xa entón sabía que tiña miles de ramificacións.

-Pero diso a presentarse ao concurso de La Voz...

-Coñecía o premio de La Voz. Manuel Sánchez Gálvez, tamén enxeñeiro e alumno de Clara do Roxo, presentárase con Maelström, Maelström, e quedara finalista no 2015. Era unha narración mariña con Vigo e Xulio Verne na cerna da trama.

-E decidiuse.

-Vin a posibilidade. Animáronme. Decidín. Alonguei o relato. A segunda parte xa a fixen tendo en conta a limitación de caracteres. Coa primeira, a que xa tiña feita, tiven que facer números para cadrar os capítulos, foi un traballo de reloxeiro. Engade neste, corta nestoutro, divide este en dous... Apertando, pouco a pouco, quedaron todos en 3.500 caracteres, nin un arriba nin un abaixo.

-É a súa primeira obra.

-De máis de 15 páxinas, si.

-¿Tiña este horizonte á vista?

-Non. Só pasou ano e medio desde que a miña muller me apuntou no taller de escritura creativa. Fixen todos os cursos posibles, dende febreiro do 2016. Pero só se trataba de relatos pequenos para a clase, premios pequenos, concursos en asociacións... Isto é un salto incrible [a mesma noite do xoves xa escoitou algunha proposta de parte de editores de primeira orde], porque eu son un amateur puro.

-Pero gañou, e competía con algúns escritores xa consolidados. ¿Nunca esperou algo así?

-Para min é unha gran sorpresa estar aquí, como gañador deste concurso tan importante. Era impensable. Eu son un enxeñeiro que escribe de vez en cando. Estou abrumado [a súa xestualidade confirma que non esaxera]. É como se colles un gato da rúa e o deixas en Marte [ri].

«Escribir é unha terapia para min, a escritura é sanadora»

Fernández Davila viña da poesía, de escribir na intimidade, xa antes dos cursos de escritura. «Pero chegou un momento no que a poesía me abandonou e xa non volveu máis. Quen a segue a escribir é a miña muller», apunta.

-Dalgún modo, sempre escribiu.

-Si. Escribir é unha terapia para min. Cando pasas por momentos difíciles na túa vida, a escritura é un refuxio. Méteste no labor e esqueces todo o demais. É sanadora.

-¿En que anda agora?, porque tardou en empezar a publicar, pero isto esixe continuar...

-Estou desenvolvendo unha narración que vai ser longa. Sobre a construción da torre Eiffel.

-Vostede, como enxeñeiro...

-Non vai por aí a cousa. Non hai ciencia no relato. Trato de explorar toda a súa maxia, de facela saír. A novela será todo poética.

-Cal é o seu libro favorito

-Ao mellor soa pedante, pero son Océano mar, de Alessandro Baricco, e Breve historia del tiempo, de Stephen Hawking. Baricco gústame moito pero [baixa a voz] é un pouco vago: empeza as súas historias cunha forza avasaladora e despois déixase ir, decae. O libro de Hawking ten teorías xa rebatidas, pero se queres rachar o molde no que te atopas ese libro é fantástico porque che cambia as referencias. Se tivera que elixir un autor, diría Xulio Verne.

-Ademais de tocar o bombardino, seica outra das súas paixóns é o cine. Recomende algo que ver...

-Entre os autores de hoxe, Nolan é un dos máis suxestivos.

-Memento non era para tanto.

-Pode ser. Pero hai que ver Orixe, unha primeira vez para desfrutala sen límites e outra para entendela na súa profundidade. E Interstellar merece moito a pena. En canto a Dunkerque [estreouse onte], todo indica que será un gran filme. Outra película que me encantou foi La grande bellezza, de Sorrentino, cun actor, Toni Servillo, digno de coñecer.