Carlos López comanda unha nova expedición literaria ao descoñecido

borja casal / X.F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O autor convida aos lectores a embarcarse nunha viaxe polo mundo con «A Expedición Tilovonte»

26 jul 2017 . Actualizado a las 17:12 h.

O imaxinar navega cara ao descoñecido na última novela infantil de Carlos López, A Expedición Tilovonte, publicada pola Editorial Galaxia. «Tiña ganas de facer esta viaxe e embarqueime no Mil Ventos co resto da tripulación», sinala o autor. Ese Mil Ventos do que fala Carlos é un barco que percorre os mares en busca doutras formas de vida, así como de novas especies de plantas e animais. Gondifredo Tilovonte é o capitán da expedición e, segundo di o escritor, «comanda unha viaxe á imaxinación, ao sorprendente». Nesta aventura o importante é recabar información para enriquecer o reino de Gledamoar, onde goberna unha raíña precupada pola cultura e o coñecemento.

No libro hai unha aposta clara pola maxia. Personaxes fantásticos, como o Mago Bracalte, capaz de amestrar furacáns ou de facer albóndegas perfectamente esféricas, viven no reino de Gledamoar. O escritor -que tamén forma parte do dúo de humor gráfico Pinto & Chinto- confía en facer rir aos lectores, pero tamén en estimular a súa imaxinación, xa que na súa opinión «é crucial para calquera actividade á que nos dediquemos de adultos». Segundo di, divírtese enormemente creando mundos diferentes, nos que viven personaxes peculiares e nos que que acontecen feitos do máis disparatados. Aí está o valor da novela: a maxia esquece a realidade e a redibuxa. Obriga aos nenos a imaxinar, a pensar e a soñar con outro mundo.

Aínda que ten publicados libros para adultos, López síntese especialmente cómodo escribindo para os máis cativos, di que lle resulta moi gratificante. Cando era neno gustáballe ler, pero tamén escoitar as historias que contaban os maiores. En definitiva, pensa que «todo o que lemos e todo o que escoitamos vai conformando a personalidade creadora do escritor».