Ignacio de Loyola

CULTURA

28 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo que moitos xesuítas suspiraban porque se levase ao cine a historia grande de Ignacio de Loyola, fundador da Compañía de Xesús. Eu mesmo estiven moi marxinalmente, hai unha ducia de anos, nun proxecto frustrado que se ía facer en Hollywood, mais as contas non cadraron e ao cabo todo quedou en nada. Unha verdadeira mágoa, porque Ignacio de Loyola é pura carne fílmica, é dicir, un personaxe de carácter e determinación, cunha vida ateigada de momentos intensos e conflitivos.

Arestora, acaba de chegarnos unha película, pobre e mal composta, que pretende amosarnos a alma do de Loyola e as súas motivacións espirituais. Unha mágoa, porque o resultado final non chega para superar os mínimos dunha docufición escolar. Segundo a información dispoñible, a película foi producida pola Jesuit Communications Foundation (JesCom), ligada á Provincia Filipina da Compañía de Xesús. Dirixiuna e escribiu o guión o tamén filipino Paolo Dy, formado en institucións xesuítas, e foi filmada naquelas illas e no norte de España. Interpretou a Ignacio de Loyola o actor español Andreas Muñoz. O resultado foi presentado hai un ano no Pazo de San Carlo do Vaticano, e vese que non foron moi esixentes desde a parte artística.

Non teño nada contra este filme (e tampouco nada a favor), pero coido que é moi lamentable a ausencia dunha grande película sobre un personaxe de primeira liña coma Ignacio de Loyola, que serve para explicar tantas cousas do século XVI, no que viviu, e dos seguintes, nos que seguiu e segue viva a súa obra (con partidarios e con detractores, como é natural). Se un día fixésemos unha lista de grandes homes desta España nosa, avergoñaríamonos das ausencias fílmicas que enchen de baleiros os índices de títulos. Vista e asumida esta pobre realidade, quizais non estea tan mal que alguén, aló nas Filipinas, filmase un Ignacio de Loyola irrecoñecible, estrañamente perdido nunha etapa xuvenil de desconcertos e fanatismos. Mágoa que non se diga nada do titán da cristiandade que xurdiu despois á fronte da Compañía de Xesús, vencellado ao saber e á cultura, e sempre ao servizo da igrexa católica e dos seus sucesivos papas. Outra vez será.