Viaxe ida por volta entre poesía e imaxe

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle dun dos poemas visuais de Marcos Viso e Tamara Andrés do libro «Distancias»
Detalle dun dos poemas visuais de Marcos Viso e Tamara Andrés do libro «Distancias» maarcos viso

Varios libros exploran o diálogo dos versos coa fotografía, o debuxo e o vídeo

09 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Poesía e imaxe conviven entre as tapas de varios libros de recente publicación: hai casos nos que os volumes acubillan a diversos autores e outros nos que unha soa persoa achega tanto versos como instantáneas, mentres que hai títulos que emparellan artisticamente a poetas e fotógrafas ou ilustradores. Este último é o caso de Distancias (Galaxia), de Tamara Andrés e Marcos Viso, un poemario no que palabra e debuxo se ensamblan nun todo inseparable que debe completar o lector, xiros de lectura incluídos: «O que máis nos interesa aos dous [responden conxuntamente] é a linguaxe poética e a súa capacidade de evocación, de suxestión, de comunicación. Entendemos que ten que ser o lector ou lectora quen acabe esa narrativa».

Distancias é o primeiro froito en libro dun proxecto conxunto entre Andrés e Visto, bautizado como Cartas ás 12. «O obxectivo é conxugar texto e imaxe sen xerarquías, de xeito que un complemente ao outro e viceversa», explican. O método de traballo tamén é un proceso de ida por volta: «Un adoita turrar polo outro. Primeiro Tamara escribe unha historia a través de palabras, ou Marcos a través de imaxes, sempre relacionadas dalgún xeito coas nosas inquedanzas. Ao pasarlla ao outro, o segundo procura contar esa historia desde a súa linguaxe, desde a súa lectura». Cartas ás 12 toma o seu nome dunha historia na que un pai (o ilustrador) lle escribía postais a unha nena (a poeta), que lle deslizaba por debaixo da porta a medianoite. «Coas postais fixemos un sobre, unha canción, mesmo unha xira por algúns bares», lembran. Do proxecto tamén agromou un obradoiro no Salón do Libro de Pontevedra e un manifesto na Rede, A conquista do equilibrio poliédrico.

Detalle dunha das imaxes de Clara Honorato Soto para «E se a memoria está na boca»
Detalle dunha das imaxes de Clara Honorato Soto para «E se a memoria está na boca» clara honorato soto

Un encontro de matices entre ambos lados do traxecto

En E se a memoria está na boca (Urutau) o diálogo dáse entre os versos de Ángel Suanzes e a fotografía de Clara Honorato Soto, quen se coñeceron a través de Instagram. «O libro é unha continua viaxe de ida e volta», describe Suanzes. «Parte das imaxes na cabeza, vai ata a construción dos poemas e regresa ás imaxes de Clara para o diálogo final, no que non hai unha ilustración nin un acompañamento: hai un encontro de matices entre ambos lados do traxecto», amplía. «O primeiro para min foi xogar a descubrir que me suxerían os versos», describe a fotógrafa. «Tras facer a escolla definitiva de fotos démonos de conta de que o diálogo entre texto e imaxe estaba aí, fluíndo libremente en torno a un concepto de base que as ligaba. Para nós tiña moito máis sentido que fosen da man conformando unha sinerxia, sen xerarquías e sen impornos restricións de cara a onde caería máis o peso do libro».

Soto preferiu afastarse da literalidade para «plasmar o abstracto que subxace baixo os poemas». «Que é toda esa néboa que aparece trala perda dun amor. Feita de interrogantes, de indefensión, de reflexos do que foi ou do que puido ser, de ver as cousas coma a través dun vidro sen saber moitas veces de que lado estás porque sénteste dentro e fóra ao mesmo tempo, e non atopas a entrada nin a saída». «As fotos abren o abano moitísimo máis», confirma Suanzes. «Tratamos de facer un libro suxestivo no que poder atoparnos, que nos faga chegar ao fondo de sentimentos que moitas veces agochamos». Revelacións das que se participa na lectura: «Hai que escapar dos discursos pechados». «Como dicía Diane Arbus, “unha imaxe é un secreto sobre un secreto”, así que me gustaría manter certo misterio en torno ás fotos para que cada quen atope o seu camiño privado nelas».

Detalle dunha das fotografías incluídas no poemario «As noites de lúa e o xogo dos espellos»
Detalle dunha das fotografías incluídas no poemario «As noites de lúa e o xogo dos espellos» Paula Pájaro Marque

Un xogo de espellos que convida á reflexión iluminado polo brillo do luar

O diálogo ramifícase en varias direccións e xéneros en As noites de lúa e o xogo dos espellos (Medulia), de Manuel González Prieto. Trátase dun poemario que aparece en forma de libro e tamén de videpoemario: pon en xogo textos do autor, versos doutros autores (os «espellos»), fotografías e vídeos. «As noites de lúa son momentos de reflexión e nos que parar o tempo e o segundeiro -detalla González Prieto-, e procurar un espazo de confort para pensar sobre a nosa vida, sobre todo aquilo que nos gusta ou non, sobre as decisións tomadas e por tomar... para ser así quen de tomar as nosas propias decisións». O poeta apela á presenza calma e silenciosa da lúa, pero que exerce unha influencia decisiva nas persoas e no planeta. 

Complicidade

Os versos de Manuel González Prieto dialogan coas fotografías de Paula Pájaro Marque, mais os poemas de Pilar Maseda, Miguel Anxo Costoya, Luz Airado, Raúl Gómez Pato, Moncho Bouzas, Emilia Martínez e Teresa Ríos. Ás súas voces nos vídeos súmanse as de María Rúa, Ana Salgado, Ángeles Huerta, Paula Carballeira, Marta Pérez, Sarela González, Carmen Penim, Inma Gregorio, María Jesús de la Torre, Mar González, Begoña González e Manuel González. Colaboracións que van dende unha nena de oito anos a directoras de cine e teatro, historiadoras ou biólogas. «Para defender o discurso poético das noites de lúa penso que é necesaria a complicidade das compañeiras», sostén o escritor. «Estou convencido de que é un discurso poético moi feminista. E para reivindicar este discurso é necesaria a complicidade e acompañamento das compañeiras», engade.

Esa mesma complicidade, segundo explica Manuel González Prieto, fai necesaria «unha voz coral, e de aí as fotos e os poemas de autoras e autores, no poemario. Unha construción colectiva», como define o libro.

Detalle dunha das fotografías de Patricia Rivas Gallego para o seu libro «PranApana»
Detalle dunha das fotografías de Patricia Rivas Gallego para o seu libro «PranApana» patricia rivas gallego

Unha fusión que busca sobre todo comunicar unha emoción

No caso de PranApana (Galaxia), palabra e imaxe son obra de Patricia Rivas Gallego. A obra estrutúrase sobre tres partes dunha técnica do ioga de control respiratorio, en cuxo fluxo a autora ve un «paralelo do percorrido vital». Prana é a enerxía vital que se recibe cando se inspira ou come, mentres que apana é a enerxía que se libera, un proceso no que tamén pode intervir o baleiro: «Unha breve parada que nos dá consciencia». O proceso tamén organiza o caos que preside todo intre creativo. «O primeiro paso sempre é a emoción. A imaxe e o texto son os xeitos de transformala nunha mensaxe transmisible», explica. A sintonía entre ambos significa que «non hai prioridade semántica nin cronolóxica: achegan significado a un mesmo nivel e son simultáneas, xa que a mensaxe chega ao mesmo tempo coma verso e coma imaxe». Xa que logo, PranApana é unha fusión «do elemento gráfico e do verbal no que ambos son interdependentes. O que se procura é comunicar dun xeito o máis completo posible a emoción, utilizando como códigos a linguaxe escrita e a fotográfica».