Piden, no centenario do seu nacemento, que se lle conceda o Día das Letras ao poeta Antón Tovar

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

O Museo da Limia recolle manuscritos, documentos e primeiras edicións da obra de Antón Tovar.
O Museo da Limia recolle manuscritos, documentos e primeiras edicións da obra de Antón Tovar. C. A.

O Museo da Limia abriu unha mostra con primeiras edicións dos seus libros, textos inéditos, documentos da vida do autor, manuscritos e caricaturas

13 sep 2021 . Actualizado a las 18:29 h.

«Todos chegamos tarde a Antón Tovar», afirmou Delfín Caseiro, estudoso da obra do escritor limiao. O padroado do Museo da Limia, no concello ourensá de Vilar de Santos, do que é presidente, foi o encargado de reunir nunha exposición exemplares de varias das primeiras edicións dos libros de Tovar. Textos inéditos, manuscritos, documentos da súa vida, orixinais das ilustracións de Arturo Baltar do seu primeiro libro El tren y las cosas, caricaturas e retratos de autores limiaos ou fotografías conforman a mostra inaugurada este xoves.

O próximo 26 de outubro cúmprense cen anos do nacemento de Antón Tovar e tanto o Museo da Limia como os concellos de Rairiz de Veiga, onde naceu, e de Vilar de Santos queren por o foco no autor para reivindicar a súa obra e que o seu centenario non pase desapercibido.

Licenciado en Filosofía e Letras en Santiago e funcionario do Ministerio de Hacienda, Tovar entrou na Real Academia Galega en 1984 e foi membro de honra dende 1997. Está considerado como un dos máis importantes poetas do século XX en Galicia e as súas obras inclúen case unha vintena de poemarios, ensaios e unha novela, tanto en galego como en castelán. Faleceu ós 83 anos, no 2004, cando xa contaba cun recoñecemento importante no mundo literario galego. Tres anos antes, no 2001, o Concello de Rairiz de Veiga nomeouno fillo predilecto.

Un día moi feliz

«Foi un dos días máis felices da súa vida, pese a que xa tiña unha saúde precaria. Estivo acompañado por outro ilustre limiao, Carlos Casares, que sempre tivo gran admiración por Antón Tovar», lembrou Caseiro. Tras ese acto de homenaxe, a biblioteca do municipio leva o seu nome e o Concello conserva o legado cultural do autor. Parte deste conforma a exposición do Museo da Limia.

«Se Antón Tovar foi escritor galego estou convencido de que foi porque naceu en A Pereira (Rairiz de Veiga). Tiña un cordón umbilical que o trouxo de volta en moitas ocasións para familiarizarse coa lingua, coa fala da Pereira, dos seus veciños, coa que escribiu. De maneira que temos una débeda con el para que sexa patrimonio das letras galegas», engadiu Delfín Caseiro.

No acto de apertura da exposición, o coordinador, Xosé Antón Jardón Dacal, sinalou que co obxectivo de potenciar a obra do poeta limiao pensaron en varias iniciativas que complementaran a mostra, que permanecerá aberta ata o próximo 26 de outubro e que se pretende ir ampliando con novo material para que o proxecto sexa dinámico. Haberá mesas redondas en torno ó autor e á súa produción, un concerto sobre os seus poemas musicados ou accións de escolares nas redes sociais para difundir a súa figura.

«É un autor que non debemos cansarnos de reivindicar, absolutamente fundamental na nosa memoria colectiva como pobo, como escritor e como autor», afirmou o rexedor de Vilar de Santos, Xan Jardón (Xuntos por Vilar de Santos). A alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade (PP), sumouse ás verbas de Jardón: «Queremos que Tovar non caia no esquecemento e que sexa recoñecido».