Sés: «Unha muller que non sexa submisa vai ser sempre considerada arrogante»

Javier Becerra
Javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A cantante coruñesa Sés.
A cantante coruñesa Sés. .

Hoxe sae á venda «Diante un eco», o oitavo disco da cantante coruñesa

25 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

María Xosé Silvar (A Coruña, 1982), coñecida artisticamente como Sés, está convencida de que a historia se repite no peor sentido. No seu novo disco, Diante un eco, que sae hoxe, fai referencia a esa circunstancia. «Alude a ese eterno tropezar que estamos vendo coa volta dos neofascismos. Moitos temas do disco xiran en torno a esa torpeza», di.

—Pensa que se agravaron certos temas sociais?

—A xente acomodouse e deu por feito que as cousas se ían solucionar soas. Que o sistema, que está pensando para oprimir maiorías, ía ir en sentido contrario. Pero o único modo de que un pobo teña dereitos é que os pida, que loite por eles e, sobre todo, que os preserve. Non o fixo e estamos onde estamos outra vez, que é en 1935.

—Canta: «Non busco piedade, senón un mínimo de rubor». Semella un berro de desespero.

—Si, búscoo porque creo que vivimos na inmundicia moral e nun empobrecemento cultural abraiante. Hai uns 20 anos recordo ler un libro de entrevistas a Sabina. Preguntábanlle que era necesario para reverter unha crise, e el dicía: «Un mínimo cultural». Pero iso caeu aínda máis. E non hai rubor ante as obscenidades que estamos presenciando, a nivel de dereitos laborais, dereitos das mulleres... Estamos asistindo a algo dantesco. De feito, Dante non se podía imaxinar algo así. Nin a Trump nin a Abascal nin, sobre todo, a un pobo que trague a eses dous.

—No disco despréndese unha mirada adulta cara atrás. Considera que é un álbum de madurez?

—A ver, teño 40 anos. Pero considero que nos outros discos tamén hai reflexión. Miro cara atrás e penso que se chego a ser un home valoraríase moito máis o grao de reflexión que eu tiña con vinte e pico anos. O que ocorría era iso, que tiña vinte e pico anos. E frescura e insolencia. Pero iso non é incompatible coa reflexión. O que pasa é que agora é unha muller de 40 anos que ademais non ten problema en parecelo. Unha muller non se pode permitir cantar rock and roll ou dicir un taco e ser considerada intelixente e reflexiva. Arturo Pérez Reverte, si. E incluso ter un sitio na academia e dicir cojones 20.000 veces. Unha muller, non. Un home poder ter rúa e biblioteca. Unha muller parece que non. Pero eu teño moita rúa e moita biblioteca.

—Séntese unha roqueira folk ou máis folk roqueira?

—Considérome una folclórica porque o rock and roll é folclore. Eu non son roqueira, son rockanroleira, que non é o mesmo. O rock and roll pertence a unha época determinada e ten unha orixe determinada. O rock and roll é blues subido de tempo. Chuck Berry é iso. Eu non son roqueira. Non consumín a Metallica. O rock and roll é folk, provén dunha música de creación colectiva. O que é un erro é considerar que o rock and roll non é folclore. Iso vén da anglofilia, do racismo e o clasismo que hai na música. Este considera que é folk e world music todo aquilo que non sexa ese xénero que cristalizou pola súa rendibilidade económica como un xénero universal. Pero o rock and roll non é universal, senón que nace nunha zona concreta, dunha raza concreta e produto da evolución dun folclore de creación colectiva que é o blues, feito por unha comunidade determinada, a afroamericana. O que está errado é considerar o rock and roll como unha música culta. É o mesmo Chuck Berry que Luar na Lubre. Alguén que colle unha música que está feita por unha comunidade e a fai evolucionar.

—Fala da polarización e da necesidade de fuxir dos prexuízos.

—Claro. Ninguén pensa coma min, porque eu penso. Quero analizar o ser humano sen prexuízos. É algo que sufrín moito e que non quero facer cos demais.

—Que prexuízos cree que hai sobre vostede?

—Prexuízos hainos sobre calquera muller que se exprese con vehemencia. Unha muller que non sexa submisa e compracente vai ser considerada arrogante e prepotente, cousas das que eu estou moi lonxe. Pero iso non creo que sexa algo persoal, comigo. É con calquera muller que se exprese con seriedade. Unha muller que aspire a ser admirada intelectualmente e non polo seu físico ou polo ben que cante. Iso non está pensado para nós. A resposta vai ser: «Pero esta que se cre?» Se fose un home, non se me vería así.

—Como sería Sés de ser un home?

—Menos intelixente, menos autoexixente, menos preparada probabelmente.

—Por que o cre?

—O nivel de presión que recibe unha muller lévaa a desenvolver capacidades extraordinarias, se esa muller ten interese. Probablemente, non necesitaría nin a metade do que necesito para que me valorasen igual. Entón sería menos interesante.