TVG estrea o documental «Galicia de 20 a 20. A cápsula do Tempo»

n. a. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Edificio da Terraza de Sada, un dos referentes da arquitectura dos anos vinte do século XX de Galicia
Edificio da Terraza de Sada, un dos referentes da arquitectura dos anos vinte do século XX de Galicia

A docuserie de tres capítulos investiga a década dos anos vinte do século XX

21 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

TVG emite hoxe, a partir das 19.15 horas, o documental Galicia de 20 a 20. A cápsula do tempo. Trátase dunha docuserie de tres capítulos que continúa adentrándose e investigando a Galicia presentada en Galicia de 20 a 20, o documental que segue os pasos da fotógrafa Ruth Matilda Anderson pola xeografía galega hai cen anos.

Na década dos anos 20 do século pasado, Galicia atopábase nunha época apaixonante, chea de avances tecnolóxicos, con cambios no pensamento e cunha estrutura social moi diferente, que comezaba a dar os primeiros pasos para converterse no que coñecemos na actualidade.

Da man de expertos en cada unha das materias tratadas, en Galicia de 20 a 20. A cápsula do tempo vanse ir resolvendo todo tipo de interrogantes para construír un relato fiel desa Galicia. Todo isto vai ir ilustrado coas noticias da época, con eventos e lugares destacados ou coas figuras célebres do momento.

O primeiro capítulo da docuserie ten como tema principal a sociedade galega. Nel farase un percorrido que irá dende o contexto histórico e político de principios do século XX ata a primeira visita de Afonso XIII a Galicia ou á xuntanza de grandes personalidades grazas ao poder das augas termais de Mondariz. Todo iso sen esquecer diversas cuestións fundamentais, coma o funcionamento das familias, a vida diaria dos galegos no agro e nas vilas, a emigración ou o momento que vivían as mulleres.

O segundo capítulo xirará arredor da arte. A irrupción do cine nas vilas galegas, as novas formas de vestir da modernidade ou a fundación de clubes coma o Celta de Vigo son soamente algunhas das moitas novidades que chegaron ao mundo das artes e do deporte durante os felices anos vinte.

Nomes inesquecibles coma Castelao, Lloréns ou Antonio Palacios resoaban xa con forza. Dende as mulleres pioneiras no deporte galego ata as novas formas de construír edificios, os expertos nas diferentes materias consultados polo programa van participar nunha viaxe no tempo pola literatura, o cine, a pintura, a arquitectura, o deporte e a moda que estaban vixentes un século atrás.

No terceiro e último episodio de Galicia de 20 a 20. A cápsula do tempo, o tema central será a economía. Leváronse a cabo entón grandes progresos que mudaron para sempre a maneira de vivir en Galicia. Unha época na que agromaban industrias coma a eléctrica, a conserveira ou mesmo a dos transportes e na que os produtos galegos xa comezaban a exportarse por moitos países do mundo.