Antón Riveiro Coello: «A imaxinación do escritor está tocada sempre polos acontecementos»

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

CULTURA

Antón Riveiro está a presentar o novo libro por toda Galicia.
Antón Riveiro está a presentar o novo libro por toda Galicia. Marcos Creo

O escritor ourensán afincado en Barbanza vén de publicar con éxito «Días de intemperie», unha colección de relatos con guerras como a de Ucraína de fondo

09 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Unamuno que o escritor só pode interesar á humanidade cando as súas obras se interesan pola humanidade. Pode que esta sexa unha das claves do éxito de Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964), que nas mellores obras da súa extensa produción literaria se hai un factor preponderante ese é a humanidade dos seus protagonistas, e seguro que tamén é clave do seu novo éxito, Días de intemperie (Galaxia), no que é quen de facer zumegar humanidade das ruínas e traxedias persoais da invasión de Ucraína, pero tamén se o escenario da guerra se desenvolve nas páxinas destes relatos en Siria, Vietnam, Galicia...

—«Días de intemperie» é o cuarto libro que escribe coa guerra como pano de fondo. Como, cando e por que decide abrir un ciclo literario de guerras?

—A idea de abrir ciclo non xurdiu con As rulas de Bakunin, pero si se me ocorreu a de pechalo no ano 2016 mentres escribía O paraíso dos inocentes sobre o conflito sirio. Como tiña dous relatos bélicos que escribira para publicacións colectivas, decidín que, no futuro, podía completar un libro con máis textos atravesados polas guerras.

—En «Días de intemperie» un ten a sensación de que trata de levar ao lector a un escenario de humanidade en medio da barbarie e, en ocasións, dun xeito descarnado. Que busca transmitir?

—As guerras son realidades crúas e terribles, non son fantasías históricas, e eu quería fuxir desa tenrurización que adoitamos usar, por restitución das vítimas ou porque procuramos chegar ao corazón lector. Nestes catro libros a preocupación, máis que a guerra como grande estrutura, é a esfera humana, o xeito en que os personaxes entran e saen de situacións extremas. Sen renunciar ao entretemento, intento, sen enganos nin panos quentes, que os relatos impresionen, provoquen unha reflexión de espello e deixen no aire a pregunta de que lugar ocuparía quen le se tivese que vivir unha situación semellante.

—Nomes, persoas, secuencias... parece que estivo alí.

—Detrás de cada libro sempre hai días e días de lectura, películas, documentais, conversas con vítimas que sufriron os conflitos e unha necesidade grande de comprender o mundo. E, por suposto, unha imaxinación talvez hiperbólica. Con todo, non canso de repetir que foi con estes libros cos que máis medrei como autor e como persoa, sobre todo, polas implicacións emocionais e porque son relatos que xorden da dor e da traxedia.

—Que hai de real e de ficción nos seus libros do ciclo de guerras? 

—Talvez en As rulas de Bakunin, Laura no deserto e O paraíso dos inocentes hai unha maior aproximación ao real porque traballei sobre memorias e testemuñas certas nas que me inspirei, pero na ficción dos meus libros, como en calquera novela ou relato, o interesante non é o que conteñen de real, senón a posibilidade de producir outra verdade máis ideal, apañando anacos de vida cos que construír algo máis vivo e interesante que a propia realidade.

—A guerra civil española, a de Vietnam, a de Siria e agora a de Ucraína... Ten pensado nun novo escenario bélico para outra obra?

—Dicir que non suporía pechar, máis ca un ciclo, a posibilidade de escribir calquera novela na que pretendas abranguer un longo período temporal porque as guerras, por desgraza, sempre acaban agromando na historia. Temos que pensar que a imaxinación do escritor está tocada sempre polos acontecementos, e guerras como as de Siria ou Ucraína aínda están activas e forman parte de sociedades que até hai pouco non eran moi diferentes á nosa. Virar as costas a iso non é doado para quen escribe porque está inmerso na actualidade. De calquera xeito, despois de tanta lectura e libros sobre conflitos, síntome un sobrevivente da miña propia escrita.

—«Días de intemperie» está a ter unha grande acollida: esperábao?

—Sinceramente, non. Por regra xeral, as novelas semellan ter máis prestixio ca os libros de relatos e, ademais, eu tiña medo de que a brutalidade dalgúns relatos botase para atrás as persoas lectoras. Pero equivoqueime e ben que me alegro.

—Por certo, de onde vén o título: «Días de intemperie»?

—O título vén máis da locución ca do substantivo e quere expresar a espida exposición das persoas comúns diante de algo tan terrible coma unha guerra, onde se poden perder todos os bens materiais e tamén os seres queridos, mesmo a identidade, como acontece nalgúns destes relatos.

«“Hotel Carioca” coido que é a miña novela máis persoal»

Riveiro Coello reside en Boiro, onde, amais do seu traballo profesional e literario, é un axitador cultural. Disfruta coa aceptación de Días de intemperie, pero semella que vai volver dar que falar cunha nova publicación.

—Pechou o ano con «Días de intemperie» e o premio Álvaro Cunqueiro con «Hotel Carioca». Que lle agarda ao lector no 2023?

—Teño moita confianza en Hotel Carioca, unha novela longa que trata moitos temas entre os que salientan a aceptación da diversidade e o mundo da creación artística. Coido que é a miña novela máis persoal e, quero pensar, a máis lograda e orixinal. Mais iso non é o autor quen o ten que sentir, senón a persoa que a lea. De momento, só teño a opinión do xurado e a esperanza de que sexa un éxito lector.

—Manexa unha temática moi variada na súa obra. Xa falamos das guerras, pero non podemos esquecer historias propias noveladas, relatos longos, curtos... Cal é o seu xénero preferido?

—Confeso que me sinto máis cómodo na novela ca en calquera outro xénero. Gústanme as grandes estruturas, a multiplicidade de voces, unha linguaxe máis figurada e metafórica, grandes espazos temporais e moitos personaxes, características todas elas que cadran mellor na novela ca nun libro de relatos ou de poesía, que precisan máis concisión e, moitas veces, aínda que non o pareza, máis traballo e inspiración.

—É vostede un dos escritores máis prolíficos de Galicia. Como fai para compaxinar a súa profesión coa literatura?

—A capacidade de traballo de novelista sospeito que ten que ver coa rutina, con levar unha vida ordenada, vivir nunha vila sen semáforos, estar ben rodeado e non ter outra obsesión que a literatura.

—Fágame unha breve análise da situación da literatura galega dende o punto de vista de autor?

—Malia todos os problemas estruturais do noso sistema literario e da propia lingua, eu son optimista coa creatividade galega e síntome orgulloso de formar parte dunha potencia literaria cada vez máis numerosa, feminina, chea de talento e diversidade, e que non é inferior en calidade a outras literaturas máis visibles e maioritarias.