Tributo da USC ao «incansable activista» do galego

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A USC recoñeceu a traxectoria de Del Riego, quen foi o último estudante en pronunciar -en 1934- un discurso na cerimonia de apertura de curso.
A USC recoñeceu a traxectoria de Del Riego, quen foi o último estudante en pronunciar -en 1934- un discurso na cerimonia de apertura de curso. Sandra Alonso

A institución educativa lembrou a Fernández del Riego, que foi estudante e profesor, sumándose aos actos de conmemoración do Día das Letras

16 may 2023 . Actualizado a las 21:41 h.

Cun «épico discurso», Francisco Fernández del Riego interviña no acto de apertura do curso 1933-1934 da Universidade de Santiago (USC). Foi o último estudante en pronunciar un discurso nesta cerimonia solemne. Este martes, a institución universitaria lembrou este estudante e profesor sumándose aos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas.

O catedrático de Filoloxía Galega da USC Henrique Monteagudo foi o encargado de repasar a traxectoria de Del Riego, definíndoo como un «incansable activista da cultura e a lingua galega» e enxalzando a «súa fidelidade estrita aos ideais galeguistas». Neste senso, referiuse ao homenaxeado como «testemuño de integridade cívica, de compromiso con Galicia e de resistencia activa, indomable, contra o totalitarismo». Así mesmo, fixo fincapé en que o autor foi «un impulsor, un realizador, un tecedor e mantedor de redes».

No acto desenvolvido no salón nobre do Colexio de Fonseca, presidido polo reitor, Antonio López, insistiuse especialmente tamén na ligazón de Francisco Fernández del Riego coa institución universitaria, onde fixo carreira de 1931 a 1936. Tras rematar os seus estudos, comezou a exercer como profesor, «ata ser depurado por orde das autoridades golpistas, dos máis novos e os máis valiosos da nosa universidade». Monteagudo resaltou que, «neste curto, pero intensísimo período, Del Riego destacou en tres facetas, na realidade intimamente vencelladas entre si: dirixente estudantil, activista cultural e militante galeguista».

A USC publica un libro sobre a figura homenaxeada

A Universidade de Santiago non só celebrou o acto institucional, senón que tamén impulsou a obra Francisco Fernández del Riego. Ao meu xeito rebelde, editada polo seu servizo de publicacións. O libro, coordinado por Henrique Monteagudo e Xosé M. Salgado, conta tamén con textos de Camiño Noia Campos, Xesús Alonso Montero e Víctor F. Freixanes.

Pero, ademais de lembrar a Francisco Fernández del Riego, o reitor da institución académica, Antonio López, anunciou que a Universidade de Santiago retomará no vindeiro ano académico a tradición de que un representante do alumnado interveña no acto institucional de apertura de curso.