A discriminación de xénero no deporte chega ao escenario con «Run Baby Run»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A directora Jana Pacheco e a autora teatral Fátima Delgado, á fronte da montaxe «Run Baby Run».
A directora Jana Pacheco e a autora teatral Fátima Delgado, á fronte da montaxe «Run Baby Run». Sara Guerra

A coprodución centrada nas persoas intersexuais fará unha xira por España

12 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Uns meses antes dos xogos olímpicos, unha atleta de éxito que acaba de gañar un mundial é expulsada da competición oficial por unha cuestión de diversidade de xénero, ao non encaixar no patrón do masculino nin do feminino. Este é o punto de partida da Run Baby Run, a peza teatral escrita pola valdeorresa Fátima Delgado, coproducida polo Centro Dramático Galego (CDG), o Teatro Español, Meninas e Proversus e que se puido ver no Salón Teatro de Santiago. A partir de agora, emprenderá unha xira que a levará por outros puntos de España: en novembro estará en Logroño, e xa o ano que vén, durante máis dun mes, do 22 de febreiro ata o 24 de marzo, recalará no madrileño Teatro Español.

Para abordar a discriminación sexual no deporte da muller, poñendo o foco especialmente nas persoas intersexuais —«un colectivo muy invisibilizado», afirma a directora, Jana Pacheco—, a peza escrita por Fátima Delgado bota man dos peliqueiros do entroido tradicional ourensán. «Para min, o ámbito do atletismo era bastante alleo; entón, quixen traer ese mundo realista do deporte a Galicia, ao bosque, ao entroido. Ao final, os peliqueiros son criaturas enmascaradas, e pareceume moi axeitada esa analoxía entre a máscara, a identidade e a propia atleta que se pregunta quen é», argumentou a autora, engadindo que esta ligazón tamén permite «dar un toque de cor, diversión e humor a un tema que é complexo e que queriamos tratar con moita delicadeza». A directora, Jana Pacheco, profundou máis na idea apuntando que, «en el entroido, se corre, y esta obra va sobre atletismo. Y esa es una analogía muy bonita; además, en el origen, las mujeres no podían ser peliqueiras».

Discriminación e deporte

A estrea da obra chega nun momento en que está de actualidade a discriminación da muller no deporte feminino despois do caso Rubiales, pero Jana Pacheco quixo deixar claro que a montaxe non é nada oportunista: «No estamos hablando de violencia machista, pero sí de la violencia institucional que el COI ejerce sobre los cuerpos diversos de las mujeres o de las personas LGTBIQ+». Ademais, lembrou que xa levan moitos anos traballando nela. Nese senso, a autora salientou que empezou a escribila no 2017, e fíxoo tras inspirarse en «distintos casos de atletas intersexuais, aínda que non é a historia concreta de ningunha delas».

O elenco de Run Baby Run está formado por Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez. A súa interpretación estará acompañada dunha dramaturxia visual que se mergulla no fantasmagórico que ten o entroido galego, e dun espazo sonoro no que se mestura o folclore coa electrónica, que tamén procura «aligerar una temática difícil de abordar». Fernando Epelde é o responsable da música, mentres que da escenografía se encarga Alessio Meloni. O deseño do vestiario é de Pier Paolo Álvaro, que recentemente gañou un premio Max nesta categoría coa peza do CDG Ás oito da tarde, cando morren as nais.

O director do CDG, Fran Núñez, destacou a importancia desta coprodución en canto ao apoio á dramaturxia galega contemporánea, e tamén a aqueles creadores do país que traballan fóra para que amosen na súa terra o traballo. Xustamente, a dramaturga expresou a súa ilusión por ofrecer Run Baby Run en Santiago, xa que foi nesta cidade onde empezou a súa formación en interpretación na aula de teatro da universidade. No 2007 mudouse a Madrid e fundou a compañía Meninas Teatro. Delgado expresou o seu desexo de regresar a Galicia coas súas creacións. Precisamente, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, enxalzou as coproducións da compañía pública, tamén con colaboracións cos galegos que están fóra.