Tras os pasos do Seminario de Estudos Galegos, «que segue a inspirar»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

Paco Rodríguez

Un cento de persoas rememoraron a andaina inicial da institución hai cen anos percorrendo os trece quilómetros que separan Santiago e Ortoño, en Ames

12 oct 2023 . Actualizado a las 21:21 h.

O 12 de outubro de 1923 Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Wenceslao Requejo Bouet, Lois Tobío e Alberto Vidán Freiría botan a andar desde Compostela ata o castro de Ortoño (Ames), lugar da infancia de Rosalía de Castro. Eran os primeiros pasos do Seminario de Estudos Galegos (SEG) e para a súa constitución formal tamén se sumaron Xulián Magariños, Ramón Martínez, Francisco Romero e, como presidente, Armando Cotarelo Valledor. Esa andaina inicial era para honrar a memoria de Rosalía. Este xoves, cen anos despois, non eran seis senón un cento de persoas as que percorreron os aproximadamente trece quilómetros que separan a capital galega de Ortoño. E desta volta o referente principal non era Rosalía, senón o propio Seminario de Estudos Galegos, como quedou demostrado coa ofrenda floral ante a placa que lembraba a súa creación diante da casa na que vivira a autora de Follas novas.

«A conmemoración do centenario do SEG constitúe unha oportunidade magnífica para reivindicar a súa significación na historia científica, intelectual e cultural de Galicia, no madurecemento da súa concepción como nación europea e na reivindicación do galego como un idioma culto e plenamente desenvolvido», afirmou María López Sández, encargada de ler a declaración institucional por este aniversario en nome de todas as organizacións que impulsaron a iniciativa: Museo do Pobo Galego, Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Universidade de Santiago, Xunta de Galicia e os concellos de Ames e Santiago. Resaltou que «non se pode entender a Galicia autónoma de hoxe sen o pulo daquelas xeracións capaces de imaxinar o futuro para un país moderno, democrático e avanzado, apoiado na súa propia cultura e identidade, recoñecido no seu propio idioma».

PACO RODRÍGUEZ

O manifesto institucional repasou ese traballo do SEG consagrado á investigación da cultura galega e como todo ese «soño dun porvir de progreso para a súa terra» quedou truncado polo golpe militar fascista, xa que un terzo dos socios activos foron vítimas «da barbarie desatada pola sublevación», con integrantes asasinados, exiliados e represaliados. «Os seus anhelos quedaron ciscados no vento á espera doutra sazón. A nación tería que afanarse logo no rescate do tempo perdido, pois a semente quedou agochada na terra e acabou por xermolar. O exemplo do Seminario continúa a inspirar unha Galicia nova, con ansias de coñecemento, de autogoberno e de progreso», concluíu.

PACO RODRÍGUEZ

Esta andaina entre Santiago e Ortoño (Ames), que se prolongou durante máis de tres horas, contou coa participación dos responsables das distintas institucións organizadoras, como a presidenta do Museo do Pobo, Concha Losada; a do Consello da Cultura, Rosario Álvarez; o máximo responsable da Real Academia, Víctor F. Freixanes; así como representantes da Xunta —o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García—; da Universidade de Santiago —o reitor da USC, Antonio López—; así como a alcalde de Santiago, Goretti Sanmartín, e o rexedor de Ames, Blas García. Foron estes dos últimos, precisamente, os encargados da ofrenda floral ante a placa que lembraba a fundación do Seminario.

PACO RODRÍGUEZ

A conmemoración do centenario contou coa música a cargo de Os Retranqueiros, que acompañaron o tramo final do percorrido do cento de participantes —o número máximo permitido por razóns organizativas— e unha comida de confraternidade para rematar en Ortoño.

As actividades para conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos continuarán en vindeiras datas. A Universidade de Santiago conta cunha exposición itinerante que viaxa por varios dos seus centros para visibilizar a súa pegada e o Consello da Cultura Galega ten prevista unha nova xornada o 24 de outubro.