A Galicia do Seminario de Estudos Galegos perdura no Museo do Pobo

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Coroza recollida polo Seminario de Estudos Galegos que non se exhibe de xeito habitual no Museo do Pobo ao estar algo deteriorada e que foi rescatada para o itinerario conmemorativo do centenario
Coroza recollida polo Seminario de Estudos Galegos que non se exhibe de xeito habitual no Museo do Pobo ao estar algo deteriorada e que foi rescatada para o itinerario conmemorativo do centenario PACO RODRÍGUEZ

A institución organiza un percorrido por fondos que pertenceron ao SEG

18 oct 2023 . Actualizado a las 18:52 h.

A última xeira do Seminario de Estudos Galegos (SEG), esas expedicións que facían para coñecer un determinado territorio de Galicia, rematou o 18 de xullo de 1936. Uns días antes, algúns dos seus membros encargaran unhas pezas de cerámica en Buño para exhibir no museo que crearan no ano 1930 no Colexio de Fonseca. A posta en marcha desta entidade fora unha das súas arelas. O golpe de Estado e a ditadura truncárono todo. Porén, parte das pezas que no espazo da Universidade de Santiago relataban Galicia seguen escribindo na actualidade esa historia. Fano no Museo do Pobo Galego, que conta na súa colección con 230 delas, das que un 60 % forman parte da súa exposición permanente. Precisamente, a institución asentada en San Domingos de Bonaval inaugurou onte O futuro dun legado. O museo de Galicia, un itinerario para descubrir eses fondos que formaron parte do SEG. «É unha homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos e unha mirada para constatar que vimos dunha tradición», destacou Manuel Vilar, director do Museo do Pobo.

Ata xaneiro, os visitantes poderán coñecer polo miúdo o legado dunha institución creada hai un século e que foi clave para o desenvolvemento de Galicia. A través de códigos QR pódese acceder á información sobre a orixe de cada peza. «Para o SEG, polo seu interese pola cultura popular, ten moita importancia a etnografía, que hoxe diriamos antropoloxía. Eles centrábanse nos obxectos do uso cotiá, que non tiñan valor artístico, pero si un valor simbólico, un valor de memoria», lembra Manuel Vilar. No percorrido pódense atopar desde ferraxes datados entre 1870 e 1910, xugos —pezas fundamentais en toda casa de labranza antes da mecanización do campo—, candís e farois, así como espadelas, fusos e rocas. «Eles traballan como etnógrafos e dábanlle moita importancia ao mundo rural e labrego porque entendían que eran os que salvagardaban a esencia do país», argúe o director. Tamén resalta a importancia que lle deu o SEG á cerámica. Así, no primeiro cuarto do século XX había en Galicia unhas 20 aldeas oleiras e os membros do Seminario recuperaron para o seu museo moitas delas. Este traballo de hai un século permite na actualidade coñecer pezas de centros oleiros que cesaron a súa actividade hai varias décadas, como o de Bamio ou o de Tioira.

O itinerario sobre o Seminario de Estudos Galegos foi inaugurado onte.
O itinerario sobre o Seminario de Estudos Galegos foi inaugurado onte. M. G.

Entre os obxectos que conforman o relato destaca unha coroza —capa feita de xuncos para protexerse da choiva— que data das dúas décadas iniciais do século XX que foi recollida polos membros do SEG e que non se expón habitualmente xa que se atopa un pouco deteriorada. Sobresae, ademais, unha zanfona do século XIX que xa se exhibiu no Museo do SEG en Fonseca. Ademais, no itinerario no só está presente esa recompilación de material dos membros do Seminario, que lles chegaba tanto de doazóns como da súa propia recollida durante as xeiras, senón que se exhiben algúns dos seus traballos, entre eles, enquisas orixinais feitas nos anos 30 por Xaquín Lorenzo Fernández sobre as embarcacións. Tamén figuran as maquetas de vivendas realizadas por Vicente Fernández Hermida e o propio Xaquín Lorenzo en 1931 no concello ourensán de Calvos de Randín.

PACO RODRÍGUEZ

«Somos herdeiros en legado museístico, filosofía e espírito»

As pezas que formaban parte do museo do Seminario de Estudos Galegos foron obxecto dun inventario por parte de Xesús Carro e Salvador Parga Pondal unha vez rematou a Guerra Civil. «Algunhas perdéronse, outras están noutras institucións e 230 están no Museo do Pobo porque xente que pertenceu ao SEG, como Xaquín Lorenzo Fernández ou Antonio Fraguas, quixeron que viñeran para aquí», subliñou Manuel Vilar. Nese sentido, o director da entidade asentada en San Domingos de Bonaval incide en como no ano 1978 Xaquín Lorenzo lembraba que coa fundación desta entidade se facía realidade o anhelo do museo etnográfico que tiña o SEG. «Polo tanto, nós somos herdeiros do legado museístico, pero tamén herdamos o seu espírito e a súa filosofía», di.

O acto inaugural deste itinerario con motivo do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos estivo encabezado pola presidenta do Museo do Pobo, Concha Losada, e nel tamén participaron representantes da Xunta, universidade, Concello de Santiago e Deputación da Coruña, entre outros. No seu transcurso, Manuel Vilar tamén quixo mirar cara o futuro: «O feito de vir dunha tradición non significa mirar sempre para atrás e dicir que xa está todo feito, senón significa mirar para diante, e iso supón ser actuais e amosar ese patrimonio dunha maneira que lle sexa útil á sociedade de hoxe». Nese sentido, o director da entidade profundou sinalando que «o museo hoxe non é só exhibir uns obxectos, senón que temos que actuar doutra maneira e para iso teriamos que cambiar un pouco o noso discurso e ter recursos». Neste aspecto, fixo un novo paralelismo co Seminario de Estudos Galegos, apuntando que ambos comparten a carencia de fondos económicos. «Nós sempre os estamos demandando para ter un museo activo e digno da sociedade actual», concluíu.