Blanca Riestra recupera en galego despois de 27 anos a súa primeira novela: «Era de xustiza», di

M. G. I. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

A autora afirma que foi fiel a obra orixinal en «Anatol e dous máis» 

03 nov 2023 . Actualizado a las 12:54 h.

A escritora Blanca Riestra (A Coruña, 1970) debutaba en 1996 como escritora coa novela Anatol y dos más (Anagrama). Agora, 27 anos despois, a obra volve saír do prelo, pero en galego, da man do Consorcio de Santiago e da editorial Galaxia. «Paréceme que era de xustiza, bastante necesario, que estivese dispoñible en galego. É unha novela de amor a Santiago, ao meu Santiago de estudante», asegurou a autora antes da presentación da obra no Museo do Pobo acompañada pola alcaldesa compostelá e a presidenta do museo, entre outras persoas.

Nesta reedición en galego, Anatol e dous máis, Riestra quixo manterse o máis fiel posible á obra orixinal, e iso, en ocasións, non é doado. «Hai elementos que son complicados case tres decenios despois. Hai cousas que na actualidade chirrían, como a relación entre os rapaces e rapazas. A visión violeta de xénero provoca que cuestións que tiñamos normalizadas hai 27 anos agora nos parezan molestas, pero non quixen cambiar nada porque a novela era así, nós viviamos así. Mantense tal cal, mesmo se é politicamente incorrecto segue estando», afirmou a escritora, resaltando que a xente lle segue preguntando por Anatol, xa que «foi unha novela que tivo unha recepción de público excepcional».

E, como foi a evolución de Blanca Riestra como autora? Recoñécese nesa primeira novela? «En Anatol penso que está o xerme de todas as miñas paixóns literarias, musicais, a obsesión pola forma, os triángulos amorosos, a idea de cidade como un organismo vivo... Cuestións que están aí convertéronse en obsesións que sigo traballando máis de 20 anos despois. É coma se nesta novela estivese todo en xerme, en miniatura [...]. Agora fago cousas distintas, pero a miña poética está aí», responde a autora, que nas últimas obras optou por escribir en galego, e agora está traballando nun libro relacionado con mitos e tradicións.