Carlos Núñez presentará o seu novo disco na Coruña, Ferrol e Vigo

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Carlos Núñez.
Carlos Núñez. M.Moralejo

«Celtic Sea» é unha colaboración entre o gaiteiro galego e a navieira Brittany Ferries

06 dic 2023 . Actualizado a las 13:33 h.

Celtic Sea, o novo disco de Carlos Núñez, nace dunha colaboración entre o gaiteiro e Brittany Ferries, a navieira fundada nos anos 50 por agricultores bretóns. O primeiro barco comprárono en Vigo e unha das últimas botaduras é dun navío chamado Galicia, decorado cun deseño baseado no imaxinario galego.

Brittany Ferries encargou a Carlos Núñez unha sinfonía e un himno celta, que soarán en todos os seus barcos. Ademais, Celtic Sea centrará os vindeiros concertos do gaiteiro, quen presentará o seu novo traballo ao vivo na Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 13 de decembro, 20.30 horas), Ferrol (Teatro Jofre, 17 de decembro, 19.00 horas) e Vigo (Teatro Afundación, 22 e 23 de decembro, 20.30 horas).

«Comparto con Brittany Ferries a paixón por conectar as culturas célticas atlánticas. Viaxar nos seus barcos, dun Finisterre ao outro, foi a maior das inspiracións posibles para homenaxear ao xénero da música celta, creando unha nova obra que represente a nosa filosofía de vida, sempre ligada ao espírito intercéltico que lidera Bretaña, centro xeográfico de todos os celtas atlánticos. E é que Brittany Ferries non fai máis que continuar unha tradición de 10.000 anos de intercambios a través do Mar Céltico», explicou Carlos Núñez.

Ademais das datas galegas, Núñez presentará o disco en diversas cidades españolas, ademais de Dublín e Glasgow.