David Amor: «O humor intelixente non existe, o humor é humor e consiste en rir»

Javier Becerra
Javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ANGEL MANSO

«Esfínter» chega á súa terceira edición con David Amor, Javier Veiga e Róber Bodegas expandindo risas por toda Galicia. O sábado comezan

21 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Empeza a ser xa tradición no Nadal o de botar unhas risas con David Amor, Javier Veiga e Róber Bodegas. Por terceiro ano percorrerán Galicia con Esfínter, un espectáculo de humor que se poderá ver en Lugo (23 decembro, Auditorio Municipal Gustavo Freire), Ourense (26, Auditorio Municipal), Ferrol (27, Auditorio de Ferrol), Compostela (28, Auditorio Abanca), A Coruña (29, Palexco) e Vigo (30, Teatro Afundación).

—Por que unha persoa debería ir a un espectáculo que se titula «Esfínter»?

—Debería ir se quere pasar un bo momento, rirse moito e acabar ben o ano. Creo que somos unha opción bastante boa para ir acompañado con alguén e gozar do teatro.

—Pero cun título que induce ao escatolóxico. Vai por aí?

—Non traballamos esa vertente [ri]. Vai no título porque nos parecía un xogo de palabras chulo. Foi unha idea de Javier Veiga que sempre o odiaremos por iso, xa que o titulo é o mellor que ten o espectáculo. E a partir de aí, queremos facer unha festa ano tras ano, entre todos, e coa xente está sendo unha conexión total. Con ese título indicase que é un espectáculo para pechar o ano. A partir de aí, o xogo de palabras induce ao humor, xa que é un espectáculo gamberro co obxectivo de que a xente o pase ben.

—Xa que non é escatolóxico, se cadra tiran ao humor intelixente?

—Iso do humor intelixente non existe, iso só é un invento dalgúns. Existe o contexto e o humor. O humor é humor. E consiste en rir. E no noso espectáculo o buscámolo. Estamos sempre en tensión e coa pretensión máxima de que a xente o pase ben e saia dalí contenta.

—Na súa promoción confesan que todo isto foi unha escusa para xuntarse uns amigos para cear. É así?

—Pois é bastante certo. Javier e Róber están en Madrid e isto naceu así. Viámonos só no verán. E decidimos buscar unha escusa para vernos tamén no inverno. Ao final, ese espírito tratamos de trasladalo a todo o mundo, que a xente se reúna e goce. Todo iso con algo moi importante de fondo: que é buscar todos os días un bo sitio para cear xuntos.

—Son humoristas diferentes, pero todos galegos. Hai un humor galego que os une?

—Eu creo que iso é o mesmo que o do humor intelixente. O que hai é contexto e unhas referencias. Evidentemente, se falas de cousas de Galicia é mais galego, pero o que é a estrutura, non creo. O humor é algo universal. Velo en Friends, que é unha serie americana, se me apuras case neoiorquina, e o entende todo o mundo. O amor e o humor son emocións universais.

—«Esfínter» é un espectáculo que volve a casa polo Nadal. É sempre o mesmo ou varía?

—Vai variando. No meu caso, gústame facer un repaso do que aconteceu durante o ano. E logo hai unha intervención conxunta na que nos gusta mudar cousas. Hai certos clásicos que nos presta contar. Igual que cando un vai ver aos Rolling Stones. Quere que lle toque o Satisfaction pero tamén as cousas novas.

—Hai temas de actualidade?

—Si, eu fago un repaso do ano, coas cousas que me chamaron a atención.

—Vivimos uns anos tolos. Deben ser unha mina para rir.

—Para o humor non necesitas que pase nada. O humor faise. Cousas que pensas que son chistosas nun espectáculo non valen para nada noutro. Se cadra, falas dun feito que non foi moi mediático nin tivo repercusión, pero ti lle dás a volta e funciona. Todo se resume en que a xente pase un bo momento e ría.

—Este é un espectáculo para pechar o ano. Para cando un para abrilo?

—Naceu así, porque podemos facelo porque son vacacións e estamos aquí. Aínda que creo que podería ser un bo título Esfínter, un espectáculo para abrir o ano. Tería lóxica. E chegar a Reis con el.