O CGAC ábrese ás músicas improvisadas co ciclo «Concertos en construción»

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O Ensemble Liberdade, dirixido por Xacobe Martínez Antelo, encherá o CGAC de músicas improvisadas.
O Ensemble Liberdade, dirixido por Xacobe Martínez Antelo, encherá o CGAC de músicas improvisadas. La Diapo

Os recitais correrán ao cargo do Ensemble Liberdade, un formato reducido da Orquestra Galega de Liberación

16 ene 2024 . Actualizado a las 23:03 h.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Ensemble Liberdade promoven o ciclo Concertos en construción, cunha residencia musical ao redor da idea de construción e da creación musical en tempo real. O museo programa, entre xaneiro e maio, esta iniciativa anovadora que achega os sons contemporáneos a todos os públicos, explorando as infinitas vías que existen e partindo da improvisación como materia prima e usando ferramentas de vangarda como o soundpainting (técnica universal de signos para compoñer en tempo real). O ciclo comezará con dous concertos abertos ao público, o 23 de xaneiro e o 6 de febreiro, e rematará cunha serie de recitais didácticos para públicos infantil e adulto os días 13 e 14 de maio. Correrá ao cargo do Ensemble Liberdade (formato reducido da Orquestra Galega de Liberación), integrado por Elena Vázquez, violín; María José Pámpano, viola; Macarena Montesinos, chelo; Saúl Puga, contrabaixo; Diego Alonso, saxo soprano; Xosé Miguélez, saxo tenor e gaita galega; Javier Pereiro, trompeta; LAR Legido, batería e obxectos; e Xacobe Martínez Antelo na dirección.