A música da poeta Luísa Villalta debullada aos máis pequenos

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), retratada nunha praia.
Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), retratada nunha praia. Arquivo Familiar | RAG

Libros para os cativos amosan a figura e a obra festexadas nas Letras 2024

22 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da poeta homenaxeada o Día das Letras Galegas deste 2024, están convencidas de que Luísa Villalta aínda non foi posta no lugar que lle corresponde e merece. Como dicían no traballo co que abriu o ano Villalta a Real Academia Galega: «Ela era unha persoa profunda e moi culta, gustáballe moito transmitir o seu pensamento, un pensamento elaborado, avanzado para a súa época e perenne, preocupado pola dimensión social. A súa obra ten un trasfondo que fai pensar sobre o sentido da vida e reflicte a maneira que ela tiña de vela».

Pendentes de que se corrixa esta inxustiza (obxectivo ao que tanto ten que sumar este 17 de maio), hai que dicir que o seu falecemento prematuro e a complexidade da súa anovadora poesía xogaron na contra da difusión e consolidación da súa obra, o que a afastou aínda máis dos lectores cativos. É ese tramo, precisamente, onde o festexo das Letras fai especial fincapé ao centrarse boa parte da súa programación nos escolares —a RAG incide sempre nese ámbito—, levándoa a colexios e institutos.

Este territorio cóidano tamén, e por idénticas motivacións, as editoriais. Quizais a primeira das achegas foi a do colectivo pontevedrés Polo Correo do Vento, que, da man de Lela Edicións, xa tiña listo en novembro pasado o volume Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta na súa colección Mulleres galegas e, como en obras precedentes —como as dedicadas a María Victoria Moreno, Xela Arias, Florencio Delgado Gurriarán e Francisco Fernández del Riego—, ilustrado pola artista plástica Tania Solla. O álbum debuxa o perfil biográfico básico de Villalta, dando acubillo ás súas distintas facetas creativas, co obvio protagonismo para a música —como violinista— e a literatura —poeta— pero tamén para o seu labor na docencia e o seu compromiso social e político, coas causas do feminismo, o ecoloxismo e o nacionalismo.

Un traballo similar, dirixido aos máis novos, e se acaso máis fondamente literario, é Luísa Villalta. Alma de violino (Xerais), escrito por Beatriz Maceda e Eli Ríos e ilustrado por Laura Suárez, e no que aproximan a figura da escritora a través das súas palabras, das súas músicas e dos seus silencios.

Nunhas coordenadas parellas, pero subindo un chanzo na escada das idades, buscando o público dos rapaces maiores de once anos, ofrece a enxeñeira de Camiños e escritora María Canosa Luísa Villalta, melodía de palabras (Xerais, con ilustración de cuberta de Laura Romero). Canosa focaliza os seus esforzos, como non pode ser doutro xeito, na relación da autora coa palabra —nos campos do teatro, a poesía, o ensaio, o texto xornalístico— e a música, que explican en moi boa medida a súa vida e a súa obra. Todo iso, subliña, desde unha vibrante conexión coa vida e o mundo que a rodeaba, desde o compromiso coa realidade —na súa arela de xustiza e igualdade—, a beleza e o país. Tampouco esquece Canosa a súa faceta de docente, na que —enxalza— xamais actuaba cos alumnos desde a condescendencia, nin «perdía a calma ou elevaba o ton de voz». Villalta, di, inculcáballe ademais aos estudantes o seu grande amor pola lingua e a terra.

Un lector máis adulto

A piques de saír do prelo —chega ás librarías o vindeiro 1 de febreiro—, e pensado para un lector máis formado, máis adulto, está Abonda con vivir: Luísa Villalta (Xerais), obra da xornalista Montse Dopico, que edificou unha biografía sobre as lembranzas de persoas que formaron parte da rede afectiva da protagonista das Letras 2024. O texto, avanza o editor, quere ser «unha análise literaria, sociolóxica e histórica que percorre todas as mulleres que foi Villalta; un diálogo, con forma de reportaxe, coas súas amizades para tentar explicar quen era Luísa e por que escribiu o que escribiu».