Doan á USC máis de 900 fotografías tomadas de 1937 a 1939 na Guerra Civil

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Día de Santiago de 1938; o xeneral Antonio Aranda, xefe do Cuerpo de Ejército de Galicia, asiste a unha misa de campaña na praza de Ribalta de Castellón.
Día de Santiago de 1938; o xeneral Antonio Aranda, xefe do Cuerpo de Ejército de Galicia, asiste a unha misa de campaña na praza de Ribalta de Castellón. Fondo Fotográfico da Guerra Civil de Mario Blanco

O fondo de Mario Blanco Fuentes amosa o avance do exército nacional

09 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cidades destruídas como Teruel, o avance das tropas do bando nacional, xantares de campaña nos que participaba Franco xunto con outros mandos militares, trincheiras inimigas, tanques..., pero tamén momentos da vida cotiá. Son só parte das imaxes tomadas polo gabinete fotográfico do Cuerpo de Ejército de Galicia (CEG) e pertencentes a Mario Blanco Fuentes (Cuntis, 1917-A Estrada, 2000), que agora pasan a formar parte do Arquivo Histórico Universitario da USC despois de ser doadas polos seus descendentes. Trátase dun total de 930 instantáneas que ofrecen un retrato da Guerra Civil entre o outono de 1937 e 1939.

Pese a ter familiares republicanos, Mario Blanco, como outros mozos de 20 anos, foi recrutado para o bando nacional e acabou convertido en membro do gabinete fotográfico tras evitar loitar na fronte grazas á recomendación dun familiar. Sen separarse da súa cámara Leica retratou durante tres anos o conflito bélico. «As fotografías amosan totalmente o avance do exército nacional despois da caída da fronte do norte en Asturias no outono de 1937», explica Juan Blanco Valdés, fillo do autor de parte das imaxes e que este xoves entregou os dous álbums nos que se conservaban ao reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e á directora do Arquivo Histórico, Désirée María Domínguez Pallas.

É un retrato distinto e moi de preto do conflito bélico. As primeiras imaxes do percorrido son precisamente de Oviedo, para despois ir avanzando cara o sur e o leste, con moitas imaxes de León, Astorga e Aragón, onde son numerosas as instantáneas da fronte de guerra. «Hai moito material da batalla de Teruel, coa cidade absolutamente arrasada», resalta Blanco Valdés, que tamén é director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. De Aragón baixaron cara o Levante, coa entrada en Castellón para logo rematar en Valencia en 1939. O obxectivo desas imaxes era documentar o avance das tropas e tamén servir como ferramenta para definir tácticas militares. Así, algunhas tiñan un alto valor estratéxico incluíndo fotomontaxes para amosar a fronte de guerra de xeito panorámico.

Pero non todas as fotos que se conservan foron tomadas polo obxectivo da Leica de Mario Blanco. Isto pódese saber porque no reverso da maioría das instantáneas aparece información manuscrita de diferentes persoas. Xunto ao que foi alcalde estradense, formaron parte do gabinete fotográfico do CEG Ángel Llanos, Jaime Pacheco, José Lombardía, Faustino López e José Longueira. «Están todas as imaxes documentadísimas por iso aínda teñen máis valor», apunta Juan Blanco, lembrando que amosan «toda a rudeza e a violencia do conflito pero tamén, en ocasións, transmiten escenas da vida cotiá nas cidades, da organizacións das actividades da retagarda».

Como remataron esas imaxes en poder de Mario Blanco? O seu fillo sospeita que ao concluír a Guerra Civil e coa disolución do gabinete fotográfico, os seus membros botaron man do material sen restituílo ás autoridades militares. Conscientes do valor das instantáneas, os herdeiros de Mario Blanco Fuentes xa cederan no 2016 a dixitalización de todo o fondo ao Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela e pódese consultar na súa web. Agora, deron un paso máis para a súa conservación e estudio coa cesión ao Arquivo Histórico Universitario (AHUS). Optaron por este destino dada a estreita vinculación coa USC tanto do autor do fondo —estudou Dereito— como dos seus descendentes. «É a historia do país, por iso estes fondos son moi importantes para manter viva a chama do pasado e coñecelo de cara a poder tirar leccións e que isto non se volva a repetir», afirma Juan Blanco. Ademais, permitirá seguir documentando o conflito bélico.

A directora do AHUS resaltou que a incorporación dos dous álbums enriquece «de xeito significativo» a colección fotográfica do Arquivo Histórico «favorecendo a conservación deste legado familiar e fomentando o estudo e a investigación sobre estre tráxico episodio da nosa historia». Coa doazón do fondo, o Arquivo da USC pasa a ser titular de todos os dereitos de uso e reprodución.

«Os fondos son moi importantes para coñecer o pasado de cara a poder tirar leccións para que non se repita»