Galicia sopra as 187 candeas de Rosalía: «O seu milagre é que hoxe nos move»

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Gaiteiros camino do Hostal dos Reis Católicos, en cuxa capela está a pila donde foi bautizada Rosalía
Gaiteiros camino do Hostal dos Reis Católicos, en cuxa capela está a pila donde foi bautizada Rosalía Sandra Alonso

Poemas, caldo de gloria e música conmemoraron o aniversario da poeta

24 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A voz de Rosalía de Castro resoou con forza polo seu 187 aniversario. Fíxoo a través da rapazada que en múltiples lugares de Galicia leu os seus versos, dos gaiteiros que interpretaron a alborada escrita pola propia poeta, dos músicos que lle puxeron melodía e voz aos seus versos, ou dos máis de catrocentos colexios, locais hostaleiros, centros de día, residencias e empresas que tiveron no seu menú o caldo de gloria elaborado seguindo as pautas do poema Miña casiña, meu lar. «Rosalía é algo que nos move, ese é o seu milagre, que hoxe nos xuntemos e nos movamos», subliñou en Santiago o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, referíndose ás múltiples actividades programadas para lembrar á autora.

Precisamente, no lugar no que se atopaba a casa na que un 23 de febreiro de 1837 nacía Rosalía celebrouse o acto institucional central. Despois dunha ofrenda floral xunto á estatua que lembra á escritora e de que alumnado do CEIP Quiroga Palacios recitase versos de Quíxente tanto, meniña, os representantes institucionais incidiron no papel primordial para Galicia e a súa cultura que tivo Rosalía. «Con ela naceu un proxecto de dignidade para a nosa lingua, para a nosa cultura, para o noso pobo, para as mulleres... Ela é a que nos representa no mundo. [...] O horizonte para o que ela camiñou é o horizonte para o que nós queremos seguir camiñando», apuntou Angueira.

Sandra Alonso

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, salientou que Rosalía «ademais dunha magnífica escritora, foi unha muller valente naquel momento, atrevéndose a falar de cuestións que nin os homes. [...] Foi un símbolo do feminismo, da loita pola igualdade, da valentía, da nosa identidade». Xusto antes, a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, convidou a ler a obra da autora, «unha muller rebelde, transgresora, con conciencia ecoloxista, feminista, que reivindicou a nosa lingua, a nosa cultura». Pola súa banda, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, fixo un chamamento para impulsar o coñecemento da autora; mentres que a deputada provincial de Normalización Lingüística, Soledad Agra, incidiu en que a poeta «ergueu a bandeira da dignidade e do orgullo de ser galego». O presidente da Asociación Reigame de Santiago, Xosé Manuel Durán, reclamou que se dignificase o espazo no que un día estivo a casa na que naceu Rosalía.

A celebración continuou rememorando o camiño que fixo a pequena Rosalía para o seu bautizo no actual Hostal dos Reis Católicos ao son da música de Os Carapaus. Na capela onde foi bautizada, representantes da RAG, o Consello da Cultura, o Museo do Pobo, as Fundacións Pondal e Uxío Novoneyra, así como o director xeral de Cultura en funcións, a alcaldesa de Santiago e o rexedor de Padrón puxéronlle voz a poemas de Rosalía, mentres que Faia e alumnado da Escola de Música de Santiago pse encargaron da música. Pola tarde, os actos continuaron la Casa de Rosalía en Padrón, onde Suso do Dezaseis e a cantante Uxía foron os encargados de elaborar o caldo de gloria. En Santiago, pola súa banda, comezou o festival Rosalía, que continuará hoxe.