A ollada do cinema etnográfico sobre o político, na mostra MICE

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da imaxe do cartel da MICE, obra da xove cineasta Sabela Souto e na que «políticas laborais, feminismo e tradición conflúen na memoria industrial sobre as mulleres galegas», anota o festival.
Detalle da imaxe do cartel da MICE, obra da xove cineasta Sabela Souto e na que «políticas laborais, feminismo e tradición conflúen na memoria industrial sobre as mulleres galegas», anota o festival.

O festival do Museo do Pobo Galego desenvolverase do 20 ao 26 de marzo

28 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego (MICE) acada este ano a 19.ª edición consolidada como unha cita de referencia a nivel galego, estatal e mesmo internacional, na súa especialización. Desta volta, co interese centrado na ollada do cinema etnográfico «sobre o político, os rituais, o seu poder simbólico ou os espazos nos que se tecen as súas prácticas, relacións e significacións». Esta temática acha o seu reflexo na imaxe do festival, da que é autora a novísima fotógrafa e cineasta Sabela Souto (Verín, 1998), e na que «políticas laborais, feminismo e tradición conflúen na memoria industrial sobre as mulleres galegas».

Tamén na sección Impropias as mulleres son protagonistas, en canto que busca a visibilización das cineastas que traballan no etnográfico. O foco posto sobre Cecilia Mangini pola realizadora chilena Carolina Astudillo (1975), coa colaboración da Cineteca di Bologna e o Instituto Italiano di Cultura, será un dos fitos do certame. Astudillo porá en relación a obra da considerada por algúns como a Agnès Varda italiana coa súa propia.

Ademais das proxeccións das seccións oficiais (Galicia e Internacional, cuxo contido se dará a coñecer proximamente), o festival volve apostar pola formación. Na sección paralela Lindes, combina o carácter formativo co informativo. Serán dúas sesións, pensadas para profesionais do medio audiovisual e para persoas do ámbito da antropoloxía e a historia, nas que os cineastas Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras compartirán co público os procesos creativos, partindo dos seus respectivos proxectos en curso: Transfronteriza, de Gonçalves, e Deuses de pedra, de Castiñeiras, dous work in progress que falan sobre a fronteira que conforma a raia de Galicia e Portugal. Outra das propostas formativas é o taller Creación audiovisual con dispositivos fáciles, impartido por Coral Piñeiro e Bruno Arias, cineastas e responsables de MICEscola, destinado a quen teña interese en empregar o proceso creativo do audiovisual na educación formal e informal.

Cara o cumprimento da Axenda 2030 e o desenvolvemento sustentable, o festival aposta un ano máis pola MICE Petís, con programa específico para os centros escolares, da man do MiniFIC do FicBueu, e con proxeccións en familia no museo e en liña. Ademais, acolle a segunda edición da MICEscola, que leva o cinema etnográfico aos centros escolares para dotar a xente nova de ferramentas técnicas e narrativas para contar o seu punto de vista sobre o mundo con curtas feitas con dispositivos móbiles.