Galaxia facilita o acceso ao seu catálogo histórico e achega os autores ao lector

M. G. I. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia. na presentación
Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia. na presentación Cedida

02 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A pouco máis dun ano de cumprir 75 anos, Galaxia estrea a súa nova sede virtual, maisgalaxia.gal, que supón un paso adiante tanto na relación de autores e lectores como no acceso ás publicacións da editorial ao longo da súa traxectoria. «Nace un novo tempo de achegarnos aos usuarios», resaltou Antón Vidal, presidente do consello de administración de Galaxia, durante a presentación na Cidade da Cultura deste novo espazo na rede.

Unha das grandes novidades é GaláctIX, que permitirá aos lectores e lectoras relacionarse cos autores. «É o café literario deste século», engadiu Vidal. Con anterioridade, nunha mensaxe gravada, o escritor Antón Riveiro Coello, incidiu en que «ter a oportunidade de falar cos que nos len axudaranos a medrar como autores e como persoas». Tamén fixo fincapé nesta ferramenta o autor Xavier Alcalá ao entender que «vai vir moi ben para que a xente nova aprenda que hai de real na literatura galega».

O aspecto documental tamén ten especial protagonismo en maisgalaxia.gal ao incluír o catálogo histórico, con preto de 4.000 títulos que a editorial suma desde 1950. Tamén estará dispoñible a revista Grial, ademais da de Economía de Galicia. Relacionado con este fondo documental está outra das grandes novidades da sede virtual: a posibilidade de solicitar a impresión baixo demanda. «Permitirá acceder a títulos de Galaxia hoxe descatalogados», incidiu Xosé M. Soutullo, director xeral de Galaxia, que avanzou que esta sede virtual xogará un papel importante o vindeiro ano na celebración dos 75 anos do selo.

Esta nova fiestra dixital de Galaxia conta cunha plataforma para poder realizar xuntanzas telemáticas, tanto internas como abertas ao público. Ademais, incluirá as exposicións e outras actividades desenvolvidas pola editorial e posibilitará o acceso ás presentacións literarias, que nalgúns casos serán retransmitidas en directo. Non falta tampouco o enlace á actual páxina web, así como á súa tenda, ademais de incluír unha liña temporal na que se repasa a historia de Galaxia, profundou a súa directora de innovación, Alba Gil. En resumo, «é a Galaxia de sempre, pero máis preto que nunca», sentenciou Marcos Calveiro, o seu responsable de edicións.