Lamazares no CGAC

CULTURA

O pintor Antón Lamazares, posando nunha das salas do CGAC.
O pintor Antón Lamazares, posando nunha das salas do CGAC. Xoán A. Soler

09 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ofrece a oportunidade de achegarnos á obra pictórica de Antón Lamazares, unha das figuras máis virtuosas da arte contemporánea, con 50 intensos anos de dedicación e de desenvolvemento da súa vocación artística, que lle permite ofrecernos agora unha mostra incontestable do seu camiño creativo. Por iso está ben que el titule o seu traballo Inda é día. Porque o é.

Nacido en Maceira (Lalín) en 1954, Lamazares figura como un poeta que pinta e como un sublime creador de formas e de cores nunha evolución permanente. Por iso ben cabe dicir que quen visite o CGAC nesta ocasión estará ante «o sentido global da súa obra», que ten a súa orixe no ano 1973, aínda que foi en 1977 cando decidiu que «ou vivía da pintura ou morría». Foi daquela cando se asentou en Madrid, con posteriores estancias e estudos abertos en Nova York (1987-88), París (1989-1990) e Berlín (2004-2016), desenvolvéndose sempre dentro dun expresionismo lúdico polo que transitou cara ao informalismo e á abstracción, nunha liña cada vez máis propia.

No 2012 inventou o seu Alfabeto Delfín, «un alfabeto cristián e labrador», e comezou a traballar coa palabra dentro da poesía baixo a influencia de místicos e de poetas, coma Hölderlin, Rilke, Rosalía de Castro, García Lorca, Uxío Novoneyra, Rimbaud, Carlos Oroza e un longo etcétera. Porque, en Lamazares, o poeta e o pintor encarnan unha mesma realidade indivisible que preside e acompaña toda a súa traxectoria. De feito, el é un poeta que pinta, é dicir, un pintor que quere facer poesía cos seus pinceis.

A exposición do CGAC recolle toda a singularidade evolutiva dun creador que, con cincuenta anos de pintura enriba, nunca deixou de buscar novas formas de expresión. De feito, o título de Inda é día pon de relevo significativamente iso de que «mañá hai que traballar, sempre traballar, porque así o mundo se abre debaixo dos nosos pés, na nosa cabeza... e, logo, o ceo dirá!”. E, mentres isto ocorre, xa prepara unha exposición na abadía de Monserrat (Barcelona) para os próximos días 21 e 22 deste mes baixo o título Laus Deo. Porque Lamazares non ten parada.