Última hora
El Tribunal Supremo anula el nombramiento de Dolores Delgado como fiscal de Memoria Democrática

O CDG celebra os 40 anos apostando por espallar o teatro por Galicia e pola internacionalización

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

O Salón Teatro de Santiago acolleu este martes un acto no que se lembraron os 40 anos do CDG e se presentou a programación conmemorativa
O Salón Teatro de Santiago acolleu este martes un acto no que se lembraron os 40 anos do CDG e se presentou a programación conmemorativa XOAN A. SOLER

A compañía pública galega programa unha quincena de espectáculos cos que chegará desde os concellos máis pequenos de Galicia a Lisboa e Montevideo

26 mar 2024 . Actualizado a las 18:36 h.

O Centro Dramático Galego (CDG) cumpre este mércores 40 anos. Un 27 de marzo de 1984, no Hostal dos Reis Católicos, a Xunta anunciaba a inversión de 420.000 euros —70 millóns de pesetas— para a posta en marcha da compañía pública coa intención de normalizar a profesión en Galicia. Desde entón produciu máis de cen espectáculos nos que participaron máis dun milleiro de profesionais. Así o lembraron este martes no Salón Teatro compostelán, sede da compañía, nun acto que serviu tanto para botar unha ollada á historia da institución como para amosar a programación conmemorativa deste aniversario. A aposta principal será estender os proxectos do CDG por toda Galicia e tamén poñer o foco na internacionalización. «Este ano a nosa programación chegará desde os concellos máis pequenos do país, como Negueira de Muñiz (Lugo) ou Mondariz-Balneario (Pontevedra), ata polos culturais internacionais, como Lisboa ou Montevideo», resaltou o director do CDG, Fran Núñez.

O acto para lembrar estas catro décadas reuniu a representantes do sector escénico galego, entre os que se atopaban as ex directoras do CDG Ánxeles Cuña e Blanca Cendán, así como representantes artísticos e compañías implicadas na programación conmemorativa, ademais de entidades como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, o Colectivo RPM, Federación Galega de Teatro Afeccionado, o Instituto Camões, a Mostra Internacional de Ribadavia ou o Museo do Pobo. «Ao longo destes anos houbo unha actividade moi rica, moi plural, moi aberta e que se fixo sempre con liberdade creativa», incidiu o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, facendo fincapé no papel do CDG como fiestra aberta e lugar de intercambio, no que tanto se puideron ver pezas dos clásicos galegos como internacionais, ademais de servir como ferramenta de promoción da cultura galega no exterior. «Agardo que despois destes 40 anos que foron positivos, os próximos sexan mellores xa que o teatro é unha peza básica da cultura e da sociedade», dixo.

Os primeiros espectáculos do CDG, naquela etapa inicial con Eduardo Alonso á fronte, chegaran no verán de 1984. A estrea de Woyzeck, a primeira montaxe propia, fora un 23 de agosto no Teatro Rosalía Castro da Coruña, pero Fran Núñez salientou que en xullo houbera unha coprodución de rúa en Vigo. Naqueles pasos iniciais, tal e como lembrou Manuela Domínguez, agora xubilada pero que durante 36 anos traballou na compañía, eran constantes as «peregrinacións á Xunta» para explicar as necesidades que tiñan.

Este mércores o público poderá coñecer moitas das anécdotas deses 40 anos. O Salón Teatro acollerá visitas teatralizadas da man da compañía Galeatro, que ofrecerán un percorrido polas instalacións e polas historias desde ese 1984. Haberá quendas con capacidade limitada (18, 19, 20 e 21 horas) e é preciso reservar no 881 867 229. «O CDG ten amosado o mellor dos nosos autores, directores e intérpretes», indicou o director da Agadic, Jacobo Sutil.

Por outra banda, neste ano no que sopra as 40 candeas, o CDG produce ou participa nunha quincena de espectáculos e proxectos escénicos. Agora mesmo están na recta final nos ensaios da montaxe central, Os actos e as profecías, que se estreará o 11 de abril coa participación de vinte intérpretes baixo a dirección de Tamara Canosa. «Queremos abrir a peza a todas as artes escénicas», afirmou a directora. Este proxecto está enmarcado no programa internacional Phone, ao igual que o espectáculo de teatro comunitario O corazón na boca. Outra das propostas destacadas será a montaxe da pequeno formato De Vilatriste a Vilalegre en coprodución con Teatro O Cubo, que sairá ao encontro co público en máis de cen concellos galegos. A volta do verán a compañía pública reestreará Terceiro acto. A isto hai que engadirlle coproducións e proxectos internacionais, especialmente con Portugal. A compañía pública galega colabora cunha decena de países de Europa e América.