«Taxibol» e «Habitar», mellores filmes no festival de cine MICE

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fotograma de «Habitar», curtametraxe documental dirixida por Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992).
Fotograma de «Habitar», curtametraxe documental dirixida por Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992). Sétima

Mención especial no certame do Museo do Pobo Galego para a película serbia «Flotacija», de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatic

25 mar 2024 . Actualizado a las 20:56 h.

Taxibol e Habitar acadaron os premios aos mellores filmes da 19.ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE). Dirixido polo realizador italiano Tommaso Santambrogio, Taxibol obtivo a distinción na categoría internacional, que o autor agradeceu a través dun vídeo no que expresou o seu orgullo e a súa felicidade por facerse co recoñecemento dun «festival de cinema etnográfico que se enfoca tanto sobre a postura antropolóxica no cinema». O xurado enxalzou un traballo que, di, é unha «proposta impactante e esteticamente portentosa, que explora os límites entre a ficción e a non ficción» e que establece unha contraposición «entre un diálogo íntimo, que transcende as barreiras lingüísticas e culturais, e o retrato sutil de relacións cotiás nas que persisten a violencia, o pasado colonial e dinámicas de poder». Entregou o premio, dotado con 1.000 euros, Concha Losada, presidenta do padroado do museo, nunha gala celebrada no seu auditorio e conducida pola actriz e creadora Carlota Mosquera.

O premio MICE ao mellor filme galego foi para Habitar, unha curta de Anxos Fazáns que o xurado describiu como «creativa e luminosa», e que, mediante unha narrativa non convencional, «ofrece unha perspectiva lúcida e contribúe á visibilidade das experiencias de persoas transxénero e non binarias». Entregou o galardón, dotado con 800 euros, Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago. A cineasta agradeceu o premio e apuntou o seu desexo dun sector audiovisual galego «libre e diverso», e a necesidade de «seguir construíndo eses espazos abertos de oportunidades para todas as persoas».

O xurado, integrado por Catherine Barbour, xefa do Departamento de Estudos Hispánicos de Trinity College de Dublín; Adriana Páramo, cineasta e fundadora do Galician Film Forum en Londres; e Eloy Domínguez Serén, cineasta, outorgou unha mención especial á cinta serbia Flotacija, de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatic. Un filme que, segundo o xurado, «nos fai convivir de maneira próxima, empática e respectuosa cunha familia mineira en loita», e que conxuga no mesmo retrato «as complexidades dunha comunidade serbia minoritaria, a masculinidade e as relacións interxeracionais».

O premio á excelencia antropolóxica recaeu en El signo vacío, obra de Kathryn Ramey. O premio CREA foi para o filme A revolución (é) probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas. E o premio do público distinguiu a película 12 de maio de 1937, de Mar Caldas.