«Que canten os que comen ovos!»

CULTURA

29 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vou contar, precisamente hoxe, un episodio sociolingüístico acaecido en Viveiro o Venres Santo de 1944, hai oitenta anos. Oín o relato a un tal Manuel, viveirense, na Semana Santa de 1970, na casa de María Victoria Moreno. Manuel era un bo narrador e lembraba polo miúdo o episodio, protagonizado por un tío seu, un de tantos mariñeiros humildes naquelas míseras datas da posguerra (míseras para a maioría).

Aconteceu, como xa adiantamos, en Viveiro, o Venres Santo de 1944, día famoso na vila por unha famosa procesión, esa noite, coma noutras, moi numerosa, pois, ademais de asistiren os devotos habituais, asistían moitos mozos e moitos homes feitos, porque daquela os curas (subliñaba o crítico narrador) «pasaban lista». Cando o párroco que coordinaba e alentaba os cánticos relixiosos percibía que tales homes non cantaban ou cantaban con pouca enerxía, dirixíase a eles, algo alporizado, berrando: «Canten, canten!». Nun deses momentos, o tío do narrador, farto daquela coacción, foi capaz de replicarlle en voz non moi alta: «Que canten os que comen ovos!».

Nos anos corenta, na miña aldea, a señora Emilia, propietaria de media ducia de galiñas, comía ovos só o día da festa do patrón, pois os outros 364 do ano vendíaos aos señoritos da vila, os máis ricotes. Centos de señoras Emilias, dunha chea de aldeas galegas, facían, naquelas datas, o mesmo. Os ricotes e os seus fillos comían a diario, cocidos ou fritidos, aqueles ovos, e, en certas ocasións, batían a xema e a clara nun vaso con azucre, o que constituía un «ponche» non só nutritivo e lambioteiro, senón moi suave, tan suave que as súas gargantas, cando cantaban, o facían con especial finura.

Habería que engadir algo que don Eladio Rodríguez conta: que, naquel tempo, os párrocos de moitas comarcas galegas eran agasallados, por cada familia, con media ducia de ovos na Pascua de Resurrección. Quizais a réplica do tío do noso narrador, xenericamente contra os ricos, ía, dun xeito especial, contra o estamento eclesiástico, sen excluír o cura vociferante, do gremio, sen dúbida, dos que comían ovos nun tempo de tanta larota e penuria.