Wharton, a colisión cultural entre Europa e EE.UU.

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Unha das ilustracións de Dakota Hernández que embelecen a edición.
Unha das ilustracións de Dakota Hernández que embelecen a edición.

O selo Bululú editou a novela «Madame de Treymes» (1907) en dúas versións, galega e castelá

04 abr 2024 . Actualizado a las 21:54 h.

A produción narrativa de Edith Wharton (Nova York, 1862-Pavillon Colombe, Saint-Brice-sous-Forêt, Francia, 1937) debería figurar en calquera catálogo de grandes obras literarias, pero anda perdida nos fondos das librarías e apenas lle queda sitio para os que gozan das súas adaptacións cinematográficas. O selo Bululú inaugurou non hai moito a súa Colección Re-clásicos —na que quere dar nova vida a textos universais con traducións actualizadas e unhas ilustracións debidas a artistas contemporáneos— cun título da grande autora estadounidense: Madame de Treymes (1907), que editou (nun coidado volume embelecido pola debuxante valenciana Dakota Hernández) en dúas versións, galega e castelá. Cun eixe moi ao gusto henryjamesiano (autor do que era moi boa amiga), esta nouvelle escenifica o choque cultural entre a decadente alta sociedade europea (Francia) e a espontaneidade un pouco inocente, pero tamén fachendosa (a dos novos ricos), do que chega de Norteamérica. Pero, sobre todo, pon en escena as dificultades da muller da época para tomar as rendas da súa vida, tema no que había moito material extraído da súa propia experiencia autobiográfica —por exemplo, o longo e duro esforzo que lle custou lograr o divorcio de Edgard Robbins Wharton, despois de padecer preto de trinta anos de infeliz matrimonio—. Foi, ademais, unha privilexiada observadora do fariseo hábitat das clases altas, tanto en Boston coma en Francia, mirada que traslada ás súas narracións, cheas de fina ironía e elegantes e sutís elipses.