O galardón Celanova, Casa dos Poetas distingue o labor a prol da cultura de Bieito Ledo

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Bieito Ledo (Padroso, Xunqueira de Ambía, 1944).
Bieito Ledo (Padroso, Xunqueira de Ambía, 1944). Xoán Carlos Gil

Proxectos como os Premios da Crítica Galicia, argumenta o fallo, e o labor enciclopédico da editorial Ir Indo, fundamentan este recoñecemento

06 abr 2024 . Actualizado a las 21:30 h.

Logo de teren deliberado sobre as propostas presentadas e valoradas as traxectorias no campo da defensa de Galicia, o xurado do premio Celanova, Casa dos Poetas acordou por unanimidade conceder o galardón na súa edición 40.ª a Bieito Ledo (1944), pola súa contribución desde o ámbito da xestión cultural, da edición e de «propostas que procuraron sempre o afondamento nas nosas raíces dende a súa aldea de Padroso», en Xunqueira de Ambía. Bieito Ledo é un ourensán universal —inciden desde a organización, a Fundación Curros Enríquez— que en todos os ámbitos onde estivo traballou a prol da cultura e da convivencia.

Neste 2024, 46 anos despois da creación dos Premios da Crítica Galicia, cómpre recoñecer o seu aporte á vitalidade cultural do pobo, argumenta o fallo. Igualmente enxálzase a súa achega ao mundo editorial e ao saber cultural e científico do país co labor enciclopédico da editorial Ir Indo.

E ademais tense en conta a ourensanía de Ledo, que fixo posible desde o Círculo Ourensán-Vigués reunir as mocidades da transición arredor dun proxecto de paz e concordia de longa vida.

O xurado estivo presidido polo alcalde celanovés, Antonio Puga Rodríguez.