23 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada 21 de marzo ou 11 de xullo de todos os anos celébrase en múltiples localidades o San Bieito. Dúas datas referidas a este santo que quizais sexan das máis populares de Galicia. Nome de orixe latina, significa bendito ou do que se fala ben. Tamén existe a variante culta de Benedito. En verdade e se nos propuxésemos celebrar o día, poderiamos facelo ate 18 veces no ano, en case que todos os meses e nalgún deles incluso repetidamente. O meu avó materno era Bieito e na súa honra son tamén portador dese mesmo nome como tamén o é o meu fillo. Home relixioso, ao seu xeito, e crítico coa Igrexa, coido que nunca celebrou o santo. Na nosa casa, nin pai nin fillo, tampouco celebramos ningunha das variantes do San Bieito, malia que si hai xente que nolo lembra e incluso nos felicita por el todos os anos.

A día de hoxe, segundo o INE (Instituto Nacional de Estadística), en Galicia hai 96 Bieitos censados. Bieitas, ao ser menos de 20, nin reportan o dato; xa que logo non estamos falando de grandes números. O certo é que na nosa terra é un dos santos máis venerados especialmente no sur, e quizais o San Bieitiño de Lérez, nas terras de Pontevedra, sexa o máis popular e milagreiro. É claro que estamos a falar dun nome en desuso mais a min paréceme un deses nomes icónicos, quizais debido, entre outras cousas, a como calou popularmente.

Neste sentido e con moito criterio, dende o ano 2008, decidimos constituír a Grande Orde dos Bieitos, coa finalidade fundamental de darnos unha boa homenaxe e reivindicarnos como colectivo onde manducare et parlare é a consigna principal. Así, dende aquela primeira edición na que empezamos sendo só catro, nesta última xa superamos a ducia de comensais parlamentarios de entre 26 e 80 anos, homes fundamentalmente pero tamén unha Bieita que lle dá atribucións de solemnidade mixta ao grupo.

Este ano 2024 o encontro tivo lugar na aldea de Padroso no concello ourensán de Xunqueira de Ambía, un lugar marabilloso polo que transcorre o Camiño da Prata cara Compostela e punto onde está situado un maxestoso carballo centenario ao pé dunha fonte milenaria, testemuñas solemnes deste novo encontro.