Dani Abalo xogará a Champions tras clasificarse co Ludogorets

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

O equipo búlgaro, co futbolista vilagarcián no céspede, tumbou o Steaua na quenda de penaltis tras un épico encontro e unha quenda de penaltis que xogou co seu porteiro expulsado

28 ago 2014 . Actualizado a las 02:03 h.

O xogador vilagarcián Dani Abalo cumprirá o soño de todo futbolista, e dos moitos seareiros que seguen a súa traxectoria desde o seu paso e ascenso desde a canteira do Celta ao primeiro plantel vigués. Ás once e media da noite o seu equipo, o Ludogorets de Bulgaria, tumbaba o mítico Steaua na última rolda da previa da Champions, nunha quenda de penaltis que se estendeu ata os sete lanzamentos por equipo, á que se chegou despois do empate in extremis da eliminatoria no minuto 90 por parte do compañeiro de Abalo Wanderson co único tanto do encontro, e co porteiro do Ludogorets, Stoyanov, expulsado no derradeiro minuto da prórroga polo árbitro español Alberto Undiano Mallenco xa sen opción de trocos.

Dani Abalo vivíu a explosión de xúbilo sobre o céspede do estadio Vasil Levski de Sofía, logo de entrar ao campo no minuto 77 en substitución de Aleksandrov. Toda unha festa co central Moti parándolle dous penaltis ao Steaua para meter o Ludogorets no bombo de grupos da Champions.