Rubén pide a baixa no Arousa na procura de minutos

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

O club tentaba na noite de onte que o xogador reconsiderara a súa decisión. O equipo xogará esta semana o sábado, en Laracha

16 sep 2014 . Actualizado a las 17:41 h.

As boas novas no eido deportivo contrastan no Arousa cos contratempos que soen aparecer no seo da entidade arlequinada cada vez que as cousas comenzan a pintar ben. Rubén Martínez Castro podería estar a vivir as súas derradeiras horas como futbolista do primeiro plantel, no que pedíu a baixa coa intención de atopar outro equipo no que disfrutar dos minutos de xogo dos que careceu ata agora no conxunto da Lomba. Unha decisión que os responsables do club tentaban na noite de onte que reconsiderase o futbolista, co que segue a contar Piscis.

Ao técnico arousista se dirixíu o luns da pasada semana o canteirán para trasladarlle o seu desexo dun cambio de aires na procura de minutos de xogo. Fíxoo logo de non ter cabida nas convocatorias do equipo nos tres primeiros encontros de Liga.

Piscis respostoulle que contaba con el, pero o xogador non semellou convencido. O mércores xa non apareceu polo adestramento do Arousa, de aí que o técnico arlequinado o descartase para o encontro amigable do día seguinte no estadio da Lomba ante todo un Deportivo da Coruña de Primeira División. O inda xuvenil Gregorio ocupou o seu oco, e sen desentoar na feliz imaxe ofrecida polo cadro local ante os arredor de 1.800 seareiros que asistiron ao choque.

Rubén tampouco apareceu na última sesión de traballo previa ao encontro de Liga contra o Boiro, deixando a Piscis coa obriga de facer un único descarte. Vixo foi o elixido, e Santi, o outro futbolista do plantel inédito ata entón nas convocatorias ligueiras e autor do tanto fronte ao Dépor, estreouse na lista semanal de 16, se ben non xogou.

O presidente do Arousa, Manolo Abalo, manifestaba onte a primeira hora da tarde que «penso que se vai solucionar» o asunto, e que ía ser quen de convencer a Rubén, subido a pasada campaña ao primeiro plantel do equipo xuvenil -disputou 312 minutos de Liga e marcou un gol no seu debú en Terceira-, de que cambie de opinión. «O rapaz quere xogar, pero ten que ter paciencia», comenta Abalo.

Noutra orde de cousas, o Arousa díxolle sí á petición do Laracha de adiantar o seu partido desta semana ao sábado (19 horas).

O conxunto arlequinado acepta xogar co Laracha