A limitación de efectivos deixase notar no Silleda, que se descolga ata o sexto posto

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

09 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A xornada futbolística dominical rematou co Silleda, equipo revelación da Primeira Autonómica, no sexto posto da táboa clasificatoria. Os de Pepe Casal non foron quén de solventar con éxito o seu encontro co Soneira, e perderon por 4-1. A primeira metade do encontro, desputado no campo do Ponteceso, rematou cun 3-0 irremontable para os de Trasdeza. O Soneira, implacable, atopouse cun Silleda sen a suficiente concentración sobre o céspede, e falto de acerto no tiro á porta contraria. Trala reanudación, Moncho encargouse de asinar o primeiro e único gol do Silleda, ao que seguiu un man a man de Pablo co porteiro local que non rematou en gol, pero que por un momento chegou a dar a impresión de que o Silleda aínda tiña opcións. Esa sensación acabou de esvaecer cando no minuto 65 o local José María asinou o cuarto tanto local, sentenciando deste xeito a goleada aos de Trasdeza. O acerto á hora de enfiar a portería, e o asentamento do Soneira sobre o campo deulles a vitoria, e aupounos ao quinto posto da táboa. O Silleda, agora sexto, encara as últimas catro xornadas de Liga co problema que lle veu afectando nos últimos encontros: a falla de efectivos. A limitación coa que Pepe Casal se atopa á hora de plantexar os encontros obrigou ao adestrador a convocar a Chino e Pachi, xogadores do B. O presidente do club de Trasdeza, José Antonio González, sostén que a limitación de efectivos está a pasar factura ao equipo, «posto que no Silleda, salvo que estén lesionados, os xogadores xogan sempre». Agora, sen a perspectiva dos primeiros postos da táboa, o Silleda enfía o remate da Liga sen presións de ascenso nin descenso. San Lorenzo, Calo, Ribeira e Esclavitud son os rivais que os de Casal teñen por diante.