Entrevista | Paula Fernández Pena CANDIDATO Á ALCALDÍA DE SILLEDA POLO PSOE As bases do seu programa son o PXOM e políticas sociais
12 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?aula Fernández Pena estréase na política activa como alcaldable do PSOE. -A súa presenza como candidata sorprendeu. ¿Qué foi o que lle sorprendeu a vostede da política? -Pareceume un mundo moito máis agradable dende dentro que dende fóra. Permíteme coñecer a moitísima xente interesante a tódolos niveis, tanto profesional como persoal, a que antes non tiña acceso. Quizais o que máis me sorprendeu é o que pode chegar a cambiar a xente contigo cando te convertes nunha persoa pública. Algúns trátanme de distinto xeito, cando sigo sendo a mesma. O cambio é tanto para ben como para mal. -¿Qué lle costou máis a decisión de presentarse ou agora o campaña? -A decisión. Foi durísima e moi meditada e tomada con moito medo. Pero digo sempre que a mellor decisión é a que se toma. -¿Qué aspiracións se marcan? -Aspiracións electorais, as máximas. Traballarmos para acadar a maioría absoluta. Estamos tan seguros de que imos gañar que traballamos con diferentes organismos e consellerías para ter xa proxectos na man con que arrancar o mandato. Temos ilusión por conseguir a maioría, porque desta vez, o voto útil é o do PSOE. -¿Non temen que algún voto independente de CIS volva para o PP? -Non. A xente non vai votar por unha tendencia política, senón porque haxa un cambio político en Silleda. Quizais sexan as primeiras eleccións nas que non pesan as siglas políticas senón as persoas e a necesidade de que o Concello ten que moverse. -Entón, cree que este é o momento do cambio... -Si, estamos no mellor momento. Temos un goberno amigo na Xunta que ademais está potenciando o interior de Galicia con políticas que nos permitirán reflotar a situación económica. -Aínda que confían en gañar, o ocorrido no 2003 fai pensar en pactos se o PP perde a maioría. ¿Pactarían co BNG? -O noso equipo ten capacidade para pactar. Hai boa relación persoal con Carmen (Fidalgo) e co BNG, e agardo que, en caso necesario, se poida chegar a acordo. -¿Qué propoñen? -O piar básico vai ser a redacción, por fin, do PXOM porque vai permitir desenvolver o resto dos proxectos. Pero o corazón do programa serán as políticas sociais. Temos necesidades como a falla dunha residencia, o centro de día para dependentes, a gardería... Despois tamén potenciar o mundo rural para facer del unha opción de vida mellor. Tamén executaremos políticas medioambientais, por iso a escola obradoiro que pedimos para a recuperación do Toxa, e tamén queremos potenciar o deporte base. -¿Qué hai que cambiar xa en Silleda? -O primeiro é o goberno, porque hai un ambiente enrarecido na cidadanía. Despois, iniciar unha xestión transparente na que todo o mundo teña acceso as políticas municipais, buscar apoios para solucionar a débeda e facer unha reestruturación completa a nivel municipal. -A débeda municipal. ¿non asusta aos candidatos? -Claro que asusta. Foi iso unha das cousas que me botaban para atrás. Pero temos a capacidade para solventalo. Entendo que isto ten que ser como unha gran empresa en quebra, na que hai que empezar a facer control de gastos para ir suavizando a situación.